ERC negocia co BNG e o independentismo vasco unha candidatura para as europeas

Tardà ve posible o acordo: "Entendemos que as cousas van bastante ben".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 15/11/2018 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

O deputado de ERC no Congreso Joan Tardà explicou este xoves que o seu partido está a negociar "co independentismo de Euskal Herria e co BNG" unha candidatura xuntos de cara ás eleccións europeas do mes de maio.

Ana Pontón (esquerda) e Ana Miranda, do BNG, visita a Junqueras. BNG
Ana Pontón (esquerda) e Ana Miranda, do BNG, visita a Junqueras. BNG | Fonte: Europa Press

"E entendemos que as cousas van bastante ben", explicou nunha entrevista da Cadena Ser-Ràdio Barcelona recollida por Europa Press onde, á vez, rexeitou unha candidatura conxunta de todo o independentismo catalán.

A pasada fin de semana o BNG informou de que as posibles alianzas serán sometidas á consulta da militancia. Nas últimas eleccións europeas o Bloque concorreu con EH Bildu --nunha coalición na que participaron Andecha Astur, Puyalón, Alternativa Nacionalista Canaria (ANC) e Unidade do Pobo-- e conseguiron un escano que rotaron entre vascos e galegos, o cal agora ocupa a eurodeputada Ana Miranda.

O deputado republicano defendeu que é conveniente que o independentismo catalán non vaia xunto xa que este escenario facilita "a acumulación de forzas e reflicte a diversidade da sociedade catalá".

Así, ERC xustifica dicir 'non' a Puigdemont a unha candidatura conxunta e dicir 'si' a negociar con vascos e galegos porque ve conveniente que nas eleccións europeas "as esquerdas --soberanistas-- vaian coas esquerdas". ERC defende que o independentismo catalán debe ter "unidade estratéxica" pero non unidade electoral, un criterio que sostén que debe aplicar en todos os comicios: autonómicos, municipais, xerais e europeos.

"Unidade de acción toda, unidade electoral xa dixemos que máis ben as esquerdas coas esquerdas, e os outros cos outros", resolveu Tardà, pechando así a porta á fórmula que propuxo o martes Puigdemont de ser o número dous de Oriol Junqueras nunha lista conxunta.

ERC xa proclamou a Oriol Junqueras como a súa cabeza de lista de cara ás europeas, e Tardà lembrou que, ademais, Puigdemont non podería ser o dous porque non respectaría "a paridade" que ERC se impuxo para as súas listas electorais.

MAIORÍA INDEPENDENTISTA

A portavoz do Govern, Elsa Artadi, afirmou este mércores que o independentismo non ten maioría para culminar todo o proceso soberanista, e Tardà afirmou que é "evidente" e lembrou que el tamén o apuntou algunha vez.

Expuxo que os eurodeputados do seu partido atopan a nivel internacional comprensión na proposta de facer un referendo, pero reciben a advertencia de que, para que se teña máis en conta ao independentismo catalán, teñen que superar o 50% de votos nos comicios normais --nunca o fixo--.

"É evidente que temos que acumular forzas e ser máis. Hai meses que o dicimos", continuou Tardà, que concluíu que o obxectivo debería ser que o independentismo superase esta barreira do 50% en varias contendas e non só nunha.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Salchichocha

Outro esnafrazo