PONTEVEDRA | 15/11/2018 | Actualizada ás 15:25 por EUROPA PRESS
Un total de 11 persoas foron detidas no marco dunha operación antidroga ordenada pola Audiencia Nacional e desenvolvida polo Greco (Grupos de Resposta Especial para o Crime Organizado) en Pontevedra, na comarca do Salnés e en Madrid.
Fontes policiais confirmaron a Europa Press que a droga intervida, segundo os primeiros datos, elévase a 650 quilos de cocaína. Un total de cinco persoas foron detidas en Pontevedra, outras dúas no municipio de Ribadumia e outras catro en Madrid.
Segundo indicaron fontes da investigación, a droga foi intervida na cidade de Pontevedra. En concreto, os axentes do Greco Galicia practicaron cinco detencións nunha vivenda unifamiliar situada na avenida de Buenos Aires de Pontevedra, na que foi localizada toda a droga.
Trátase dun moderno chalé de pedra, actualmente á venda, situado á beira do río Lérez, na subida ao barrio de Monte Porreiro.
REXISTRO TAMÉN EN RIBADUMIA
Houbo outro rexistro no municipio de Ribadumia, onde tiveron lugar os outros dous arrestos, no marco desta operación desenvolvida pola Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional e axentes do GRECO de Galicia
Como o operativo está coordinado pola Audiencia Nacional, os detidos atópanse na Comisaría Provincial da Policía Nacional en Pontevedra, á espera do seu traslado a Madrid para a súa posta a disposición xudicial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.