A CIG esixe a Alcoa retirar o ERE se ten "verdadeira vontade de negociar"

A central sindical di que non aceptará "unha chantaxe" da empresa que obrigue a constituir unha mesa de negociación.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 15/11/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A sección sindical da CIG na planta de Alcoa na Coruña emprazou á empresa a retirar o ERE extintivo presentado para esta factoría e a de Avilés se ten "verdadeira vontade para negociar". Nun comunicado, e en alusión ao anuncio da disposición de Alcoa a ampliar o período de consultas, a sección sindical da CIG expón a posibilidade de "sentar a negociar alternativas para a fábrica que garantan a continuidade dos empregos e a actividade produtiva" se a multinacional "cumpre a premisa" de retirar o ERE.

Protesta de traballadores de Alcoa na Coruña. CEDIDA
Protesta de traballadores de Alcoa na Coruña. CEDIDA

No entanto, afirma que a CIG non aceptará "unha chantaxe" de Alcoa para "obrigar" aos traballadores "a constituír a mesa de negociación, á que non damos validez legal por entender que o expediente debería ser abordado en cada centro de traballo, a cambio de ampliar o período de consultas".

"Nin estamos de acordo cos argumentos da empresa para xustificar o ERE nin coas súas formas", sinala a CIG, quen incide en que a fábrica "é viable e ten futuro". "E iso é polo que imos pelexar até o final", asevera.

No tocante a posibles compradores, esta representación sindical móstrase cautelosa ante as informacións da ministra de Industria, Reyes Maroto. "O importante agora é que se paralice o ERE e, a partir de aí, se Alcoa insiste no peche, os gobernos deberán tomar as medidas necesarias". "E se non hai comprador, sería na SEPI o lugar adecuado onde esta empresa tería que reincorporarse", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta