O delegado do Goberno contradí o anuncio do Executivo central e nega o peche da central das Pontes

Javier Losada asegura que "As Pontes vai seguir aberta”, malia que onte a Secretaría de Estado de Enerxía anunciou que sería unha das cinco que prolongarían a súa vida útil en España máis aló de 2020, pero co límite en 2030.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/11/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez, confirmaba este xoves que a central de Meirama, en Cerceda (A Coruña), será unha das nove térmicas en España que terán que botar o peche en xuño de 2020. En cambio, a das Pontes (A Coruña) sería unha das cinco que prolongarían a súa vida útil en España máis aló de 2020, pero co límite en 2030, segundo as previsións do Executivo central. Agora, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, nega que esta última vaia pechar e contradí a Domínguez.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Pepe do Couto en Wikipedia.

Losada foi rotundo este venres co futuro da central térmica das Pontes de García Rodríguez: “Quero deixalo ben claro, As Pontes non se vai a pechar, As Pontes vai seguir aberta”, manifestou ante os xornalistas ao termo dun acto en Vigo.

“Vai seguir aberta porque cumpre os labores que marca a política enerxética europea e porque, ademais, está a facer as obras para acomodarse á lexislación vixente”, continuou. Nese sentido, enviou “unha mensaxe de tranquilidade ao alcalde, aos veciños e ás empresas das Pontes”.

Javier Losada recalcou que como ocorre coa central térmica das Pontes, “seguirán abertas todas as empresas que se axusten á política enerxética”.

En todo caso, aclarou que “o Goberno non ten a decisión de pechar ningunha central” senón que “ten decisión de que se cumpran as directivas que ata agora non estaban vixentes en España”. Por iso ten a “seguridade” de que a das Pontes “seguirá aberta”.

O Goberno ten “un compromiso coa transición ecolóxica, co medio ambiente, co cambio climático e con aquelas empresas que fan o seu traballo”, manifestou. Por iso, se outras centrais queren manter a súa actividade, o que teñen que facer é “actuar conforme ao que marca a lexislación vixente”, resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta