A Xunta quere que os Franco cedan gratuitamente os fondos da biblioteca do Pazo de Meirás

A Consellería de Cultura propón a Cidade da Cultura para albergar os case 4.000 volumes da biblioteca que reuniu Emilia Pardo Bazán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2018 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura e Turismo remitiu unha carta aos herdeiros de Francisco Franco na que lles ofrece a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para albergar os fondos da histórica biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda permanecen no Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña).

Pazo de Meiras. EUROPA PRESS - Archivo
Pazo de Meiras. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

A histórica propiedade, que foi propiedade da escritora galega, chegou a mans de Francisco Franco en 1938 despois de que a Deputación organizase un peditorio popular para a súa adquisición, e permanece en mans dos seus herdeiros.

A Consellería propón que a cesión dos volumes, que teñen "un gran interese cultural", sexa gratuíta. O obxectivo é conservalos mediante a catalogación, dixitalización e investigación dos fondos conservados, de forma que se permita tamén o acceso ao público en xeral.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sinalou que a cesión dos fondos bibliográficos de Pardo Bazán realizaríase á Biblioteca de Galicia. Trátase da biblioteca central do sistema galego de bibliotecas e centro de conexión da Rede de bibliotecas públicas con ámbito internacional.

Con esta cesión "contribuirase a garantir a súa custodia e conservación en óptimas condicións", subliñou. A propietaria inicial das Torres de Meirás, a escritora galega Emilia Pardo Bazán, creou unha biblioteca con preto de 17.000 volumes dun alto valor bibliográfico e histórico.

Unha parte substancial dos fondos foron doados á Real Academia Galega en 1978 e pódense consultar na Casa-Museo Pardo Bazán na Coruña, un espazo xestionado pola RAG. Con todo, o mesmo ano desta doazón, a Torre de Meirás, que albergaba a biblioteca, sufriu un incendio do que se descoñece de forma precisa a súa dimensión. No entanto, a Consellería estima que o Pazo aínda alberga ao redor de 4.000 volumes.

TITULARIDADE DO PAZO DE MEIRÁS

Os herdeiros de Franco, que seguen ostentando a titularidade do Pazo de Meirás, puxeron á venda a propiedade nun portal inmobiliario por oito millóns de euros.

En xullo deste ano, o Parlamento de Galicia adoptou un acordo unánime polo que se insta ao Estado a emprender accións xudiciais para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás.

Desde a Xunta de Galicia lémbrase precisamente este acordo e faise fincapé en que a responsabilidade está en mans do Goberno central, ao que se remitiu o informe elaborado pola Comisión de expertos ao Ministerio de Xustiza, para que valore as posibilidades de que o Pazo se incorpore ao patrimonio público.

Neste sentido, a Xunta remarca que o proceso "está en mans da administración xeral do Estado" e que, precisamente, o asunto foi abordado na reunión mantida en outubro entre o conselleiro e o Ministro de Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta