Adif inicia en Vigo as obras do centro Vialia logo de anos de atrasos

Os traballo non comezaran ata o de agora por licitacións desertas e unha anulación do PXOM vigués.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/11/2018 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

Adif deu este venres o pistolezado de saída ás obras de construción do centro Vialia na estación do AVE de Vigo-Urzáiz, unha infraestrutura adxudicada a Ceetrus, na que se investirán 69 millóns de euros (máis IVE) e que se integra nun complexo intermodal que inclúe a construción dunha terminal de autobuses e novos accesos e reordenación de tráfico na zona.

Inicio das obras do centro Vialia de Urzáiz
Inicio das obras do centro Vialia de Urzáiz | Fonte: Europa Press

A presidenta do administrador de infraestruturas ferroviarias, Isabel Pardo de Vera, presentou o proxecto da estación, deseñada por Thom Mayne, nun acto no que estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero; ou o exministro socialista de Fomento, José Blanco, entre outros cargos políticos e autoridades.

O inicio das obras desta infraestrutura atrasouse durante anos, debido a diversas vicisitudes, entre elas, dúas licitacións que quedaron desertas, ou a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que obrigou a tramitar a obra ao amparo da lei 3/2016.

O centro Vialia desenvolverase nunha superficie construída duns 125.000 metros cadrados, e cunha edificabilidade lucrativa de 35.000 metros cadrados. Contará cunha gran praza pública elevada á altura da rúa Vía Norte de case 22.000 metros cadrados, máis de 100 locais comerciais e 30 de restauración, ademais dos servizos ferroviarios e para os viaxeiros.

Pardo de Vera destacou que esta actuación foi posible grazas á cooperación de Adif, Xunta de Galicia e Concello de Vigo, e que estará perfectamente integrada na súa contorna, incluíndo melloras de tráfico e de accesibilidade (prevense novos accesos ao complexo, suprimir o vial elevado sobre Alfonso XIII, e construír un túnel para conectar coa autoestrada AP-9).

A adxudicataria do proxecto, Ceetrus (antes Inmochan), ten 30 meses para executar a obra e, a cambio do seu investimento, terá a explotación do centro Vialia durante 50 anos, excepto os servizos técnicos e ferroviarios. O proxecto completarase coa construción de novos accesos por un importe de 10,7 millóns de euros, cofinanciados por Adif (62,5%), Xunta (15,8%) e Concello (21,7%), ademais da construción da estación de autobuses, que licitará o goberno galego.

SUPERACIÓN DE "NON POUCOS OBSTÁCULOS"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no acto deste venres que o complexo intermodal de Vigo é por fin unha realidade após superar "non poucos obstáculos", e recalcou que é un proxecto "anhelado" e "defendido unanimemente" polos vigueses.

O titular do Executivo galego, quen lembrou que esta obra posibilitará unha "transformación" do centro da cidade e do concepto de mobilidade, destacou que a Xunta "non escatimou esforzos desde 2009" para que a estación do AVE de Vigo saíse adiante. "A Xunta creu sempre neste proxecto", puntualizou.

A ese respecto, lembrou que a administración autonómica puxo a disposición unha ferramenta xurídica de ordenación (a lei 3/2016), que permite eludir as consecuencias da anulación do Plan Xeral vigués, unha anulación que situara o complexo intermodal nun "canellón sen saída".

Feijóo, por outra banda, sinalou que o inicio das obras do centro Vialia culmina "un gran salto adiante na mobilidade" iniciado coa posta en marcha, en 2015, do Eixo Atlántico de alta velocidade, e que estas obras se completarán co investimento de 16 millóns de euros que prevé a Xunta (para cofinanciar os accesos e construír a terminal de buses).

Así, avanzou que as obras da estación de autobuses serán licitadas o próximo mes de decembro, e iniciaranse antes do verán de 2019, para desenvolverse de forma paralela e coordinada cos traballos do centro Vialia. Porase así en marcha, recalcou, "un gran nodo" que, ao seu xuízo, "debe completarse" coa entrada en funcionamento do AVE a Madrid por Cerdedo ou coa construción da saída sur da estación viguesa, para garantir a conexión con Portugal.

"UN FITO NA HISTORIA DA CIDADE"

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, expresou este venres a súa satisfacción polo inicio da construción do que será "un fito na historia de cidade", un edificio que vai xerar un espazo urbano "singular", cun deseño de Thom Mayne que é "unha xenialidade", "un barco atracado a Vía Norte".

O rexedor olívico repasou as vicisitudes deste proxecto desde que, en 2007 se tivo que "corrixir" a intención de que o AVE chegase á cidade nunha "gran gabia". Posteriormente, encargouse o deseño ao arquitecto e premio Pritzker e iniciáronse os trámites para a licitación pero, "cando estaba todo en marcha, cambiou o Goberno, chegou a crise, e isto quedou parado até 2018".

Abel Caballero expresou o seu recoñecemento, polo seu impulso á estación do AVE, ao exministro José Blanco, que impulsou a chegada do tren en túnel (en lugar de por unha gabia); ao anterior presidente de Adif, Juan Bravo, "que entendeu o proxecto e lanzouse"; e á actual presidenta do administrador ferroviario, Isabel Pardo de Vera, polo impulso final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta