Feijóo pide a "maioría" para Vázquez Abad para que Ourense "vaia máis rápido"

O presidente do PPdeG augura un "castañazo" nas municipais para a actual oposición no Concello por "non respectar aos cidadáns".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/11/2018 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo, pediu este sábado a "maioría" nas próximas eleccións municipais para o candidato da formación por Ourense, Jesús Vázquez Abad, co obxectivo de que a cidade "vaia máis rápido" e "non haxa atranques" por parte da oposición.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto do PP de Ourense
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto do PP de Ourense | Fonte: Europa Press

Así o demandou na previa da comida de magosto organizada polo PP de Ourense, celebrada nas instalacións de Aixiña, á que asistiron unhas 650 persoas, entre as que se atoparon o propio rexedor local; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; ou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, entre outros.

"Non vimos pedir o apoio para Jesús Vázquez, senón para Ourense. Todo este partido está detrás del. Importa sacar a Ourense desta oposición. A maioría para que vaiamos máis rápido e non haxa atranques e, no próximo magosto, podamos dicir grazas a Jesús Vázquez por dar estabilidade. Queremos volver servir lealmente a esta cidade", destacou Feijóo.

Neste sentido, puxo en valor a "gran ilusión" do candidato ourensán para "impulsar a cidade" e non "parar" un proxecto iniciado "fai tres anos", os cales "non se poden tirar pola borda" para evitar "volver á parálise da cidade".

"Merece a pena confiar nel. Non teño dúbidas de que é o candidato de Ourense, non do PP. Pon á cidade por encima de todo, por encima dos seus intereses persoais. É esixente. O primeiro que fixo foi renunciar ao goberno da Xunta e presentarse ás municipais no peor momento posible. Pouca xente está disposta a iso", destacou o presidente do PP de Galicia.

Á súa vez, subliñou que Jesús Vázquez Abad é "o mellor alcalde das cidades de Galicia", posto que "non se somete a chantaxes, dedícase a servir aos seus veciños" e traballa con "humildade e respecto". "Para avanzar, non hai alternativa a Jesús Vázquez", apostilou o presidente do goberno galego.

"CASTAÑAZO" DA OPOSICIÓN

Alberto Núñez Feijóo insistiu en que o reto do Partido Popular para as municipais de Ourense é "superar os resultados" das eleccións anteriores para evitar unha oposición con "atrancos" derivada da "actitude dos seus concelleiros", que teñen como obxectivo "destruír a cidade e o seu futuro".

Nesta mesma liña, criticou que os partidos da oposición no Concello de Ourense dificulten iniciativas "que benefician" á cidade e sexa "coñecida polos espectáculos do pleno", polo que augurou que "levará un castañazo" nas próximas municipais por "non respectar aos cidadáns".

MESES DE "MOITO TRABALLO"

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, comezou a súa intervención cunha petición de aplausos aos presentes para lembrar ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canle, falecido este sábado.  A continuación, advertiu que os próximos meses previos ás eleccións municipais "non serán fáciles" e suporán "moito traballo", polo que pediu o "apoio" dos militantes e simpatizantes "ante unha oposición difícil" e que estes crean no seu proxecto para "facer de Ourense unha cidade mellor".

Mentres, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, xustificou a comida deste sábado para fortalecer o partido en vistas ás eleccións municipais e criticou que o PSdeG celebre o magosto cunhas primarias "a falta de seis meses" para os comicios. "Só fai falta ter maioría absoluta para que os proxectos leven a cabo e non haxa atrancos. Ganas, ilusión e traballo para que Ourense volva ser unha gran cidade", apuntou o representante do ente provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta