Reunións esta semana entre alcaldes da comarca de Ordes e a Coordinadora contra Eólicos

Os econtros buscan analizarán a alarma xerada pola petición de tres novos parques por parte de Capital Energy e Naturgy.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A primeira reunión será este luns pola mañá  co alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo (PP); e o martes terá lugar a xuntanza do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro (PSOE) e co alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez (PP). Desde a Coordinadora esperan poder pechar nos próximos días tamén reunións co alcalde de Oroso e co de Cerceda.

Manifestación en defensa da comarca de Ordes.. PLATAFORMA NON EÓLICOS EN ORDES
Manifestación en defensa da comarca de Ordes.. PLATAFORMA NON EÓLICOS EN ORDES

A Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes reunirase esta próxima semana cos alcaldes da comarca de Ordes. Destacan que o motivo é “a alarma xerada nos últimos días ao coñecer que no Plan Sectorial Eólico de Galicia figuran tres novas solicitudes de parques eólicos para explotar”. En dito plan veñen sinalados “un chamado Meirama e que estaría solicitado por Naturgy; outro chamado Solpor e que afectaría á zona ordense de Ardemil, Buscás, Faramillás, etc, que estaría solicitado por Capital Energy”.

Tamén aparece outro “chamado Legre que afectaría a Mesía, principalmente a Cabriu e Albixoi, etc, e que tamén estaría solicitado por Capital Energy”, un conglomerado enerxético cuxa matriz é de Arabia Saudí. Estes tres proxectos sumaríanse “aos outros dous que xa se atopan en tramitación na comarca, o de Monte Inxerio, que afectara a Lesta e a Mercurín, e o de Gasalla en Mesía novamente”. En total, calculan desde a Coordinadora que serían “51 muíños xigantes de 163 metros de diámetro”.

TRANSICIÓN ENERXÉTICA E PECHE DE TÉRMICAS E NUCLEARES

O obxectivo é sinalar “aos rexedores a necesidade de que haxa unha total transparencia e que desde as Administracións locais se facilite toda a información aos veciños e veciñas con respecto aos proxectos eólicos que están sobre a mesa”. Pois a Coordinadora consdera que “desta situación tivemos novamente coñecemento grazas a unha constante investigación e non por unha axeitada comunicación pública dos concellos afectados nin da Xunta”. Neste sentido apuntan que “cremos que os Concellos teñen o deber de esixirlle á Dirección Xeral de Industria a inmediata comunicación de calquera iniciativa ou acto administrativo” e que ademais “este se poña sempre de forma inmediata en coñecementon da veciñanza”.

Tamén reclaman que se eleven “aos plenos municipais mocións ou declaracións urxentes amosando a preocupación ante o feito de que a Xunta continúa sen eliminar esta comarca do Plan Sectorial Eólico de Galicia e rexeitando estes novos parques”. A Coordinadora considera que de nada sirve a declaración institucional aprobada na pasada primavera polos alcaldes dos concellos de Ordes, Mesía, Frades e Oroso “mediante a cal se declararon estes concellos como libres de eólicos, se non se continúa a facer a presión necesaria para que a Xunta entenda que nesta comarca, declarada de especial interese agrario por ela mesma, a implantación de eólicos é contraria aos intereses socioeconómicos xerais”.

A Coordinadora sinala que “neste contexto de transición enerxética que se vai abordar no país en breve ante o peche futuro das centrais térmicas e das nucleares, o que se necesita é unha ordenación do territorio e un debate tranquilo”. “Non estamos en contra da enerxía eólica, senón da intención de implantar parques en lugares non axeitados e cunha concepción enerxética pouco sustentable”. Sobre este punto inciden que “inclúe tamén grandes liñas de alta tensión para transportar e exportar a miles de quilómetros a enerxía producida, sen compartir beneficios coas poboacións afectadas e mentres o recibo da luz sube a cada paso máis”.

Consideran que non se debería permitir a aprobación “e nin sequera a tramitación” de ningún parque eólico que non garde unha distancia mínima de 5 quilómetros aos núcleos de poboación. Así evitaríanse todos os efectos que teñen na saúde das persoas e nas actividades diarias. Para finalizar, a Coordinadora remarca que “a defensa do medio ambiente e do patrimonio arqueóloxico e cultural, como é o Camiño de Santiago que pasa pola comarca, debe ser tamén prioritario”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta