Inspección de Traballo confirma que Proxecto Home obrigaba facer horas extras superando o máximo legal

O avogado da Fundación pedía que mostrasen os papeis onde se facía constar o incumprimento do convenio laboral.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Inspección Provincial de Traballo da Coruña elaborou un informe ao que tivo acceso Galicia Confidencial. Dito documento conclúe que a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia cometeu diversas irregularidades en materia laboral e social. O aspecto máis problemático ten a ver coa realización de horas extra por riba do máximo legal. Isto podería levar a accións sancionadoras por parte do organismo inspector.

Estracto do informe de Inspección de Traballo a Proxecto Home
Estracto do informe de Inspección de Traballo a Proxecto Home

Hai un mes, Galicia Confidencial preguntáballe ao avogado da empresa sobre as diferentes denuncias dos traballadores e que foran dadas a coñecer polo sindicato Comisións Obreiras (CCOO). O asesor xurídico de Proxecto Home negou que houbese irregularidades e pedía a CCOO  “que saquen os papeis da Inspección”.

Nos papeis da Inspección de Traballo este organismo considera probado que en 2017 os traballadores monitores de noite superaron o máximo de 80 horas extras anuais. Por esta razón, a autoridade laboral procede “a iniciar procedemento sancionador pola comisión dunha infracción grave”. Ademais, insta á empresa “ao pagamento dos salarios resultantes e das diferenzas de cotización”.

Outra das cuestións negadas por Proxecto Home era o non pagamento da totalidade dos salarios en casos de baixa médica, conforme obrigaba o convenio. Aínda que o avogado de Proxecto Home negou este punto, a Fundación recoñecía esta irregularidade diante da Inspección e prometía subsanala: “A empresa recoñece a dita situación [...], amosando a súa disposición a regularizar a situación”, recolle o informe.

Ante esta irregularidade, a Inspección emite un requirimento para que se proceda a “complementar ata a porcentaxe indicada no convenio [...] a prestación de IT [incapacidade temporal], debendo ingresar as diferenzas de cotización resultantes”. No seu día, CCOO calculara o desfase en preto de 14.000 euros.

Estracto Inspeción de Traballo a Proxecto Home
Estracto Inspeción de Traballo a Proxecto Home

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta