Reforzan a vixilancia sobre Rosario Porto despois dun intento de suicidio no cárcere

Xa protagonizou incidentes similares: en 2017 foi atopada esvaecida tras inxerir varias pastillas o día que ía ser trasladada de prisión

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/11/2018 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A dirección da prisión da Lama (Pontevedra) endureceu as medidas de control sobre Rosario Porto, quen cumpre unha condena de 18 anos de cárcere polo asasinato da súa filla adoptiva Asunta Basterra Porto, despois de que a reclusa protagonizase un simulacro de suicidio o pasado día 12 deste mes.

Alfonso Basterra e Rosario Porto, durante o xuízo pola morte de Asunta. Europa Press - Archivo
Alfonso Basterra e Rosario Porto, durante o xuízo pola morte de Asunta. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Distintas fontes penais consultadas confirmaron que o incidente tivo lugar a pasada semana no momento da ducha. Foi entón cando Porto empezou a chamar á interna que ten asignada no marco do protocolo de prevención de suicidios, que a achou co cordón da sudadera dun chándal ao pescozo.

Aínda que o acto puido afectar a súa integridade física, as fontes consultadas apuntan que a forma na que se desenvolveron os feitos dá a entender que a interna, que se atopa "deprimida", actuou como "unha forma de chamar a atención".

Porto foi trasladada a enfermaría sen sufrir lesións graves e a dirección do cárcere elevou as medidas do protocolo de prevención de suicidios que nunca se lle chegou a retirar, xa que non é a primeira vez que protagoniza un incidente deste tipo.

Así, fontes do centro penal ratificaron que agora está con máis dunha interna de confianza; e que a súa vixilancia por parte dos funcionarios tamén se reforzou, xa que se comproba o seu estado cada dúas horas.

Fontes de Institucións Penais, pola súa banda, limitáronse a ratificar que "se reforzaron as medidas" do protocolo de prevención de suicidios.

EN 2017 INXERIU PASTILLAS

Non é a primeira vez que Porto protagoniza un incidente similar. En febreiro de 2017 foi localizada esvaecida na súa entón cela do cárcere de Teixeiro (A Coruña), despois de inxerir varias pastillas, coincidindo co día en que ía ser trasladada de prisión, para cumprir condena na da Lama.

Fontes penais confirmaron entón que lle foi comunicado o seu traslado desde Teixeiro ao cárcere da Lama, un procedemento habitual nestes casos unha vez que a condena é firme.

Xa nese momento indicaron que non era a primeira vez que Rosario Porto actúa dunha forma similar cando "recibe unha noticia que non lle gusta", e fixeron notar que a inxesta de pastillas coincidiu coa hora de reconto de presos, ao redor das 8,00 horas da mañá, co que entendían que se trataba dunha "chamada de atención" e non un intento real de quitarse a vida.

FALTA DE ATENCIÓN PSIQUIÁTRICA

O novo intento de Porto de atentar contra a súa integridade física prodúcese no mesmo mes no que representantes sindicais da prisión da Lama informaron de que funcionarios do centro salvaran a vida de dous internos que tentaron suicidarse.

Entre outras cuestións, os sindicatos, inmersos nunha folga na que reivindican a necesidade de mellorar o cadro de traballadores, apuntan á "falta de servizos sanitarios" e, en concreto, ás carencias na área psiquiátrica desta prisión.

Segundo os datos, a maior parte das mortes que rexistran os cárceres situados en Galicia, na mesma liña que no conxunto de centros penais do Estado, non se producen por causa natural, senón que teñen detrás a incidencia das drogas ou o suicidio.

De feito, o último informe de mortalidade en prisións da Secretaría Xeral de Institucións Penais, que analiza a situación no ano 2017, reflicte que nos cárceres da Lama; Bonxe e Monterroso, ambas as situadas na provincia de Lugo; e Teixeiro (A Coruña), faleceron un total de 13 reclusos.

Pola súa banda, o director da prisión da Lama, José Ángel Vázquez, defendeu esta fin de semana o labor de prevención, educación e mesmo de tratamento terapéutico que se realiza non só no centro penal que dirixe, senón en todas as cárceres. "O día a día nunha cárcere, non digo só na da Lama, senón en calquera, non son os incidentes", reivindicou.

CONDENA A 18 ANOS

A Sala II do Penal do Tribunal Supremo (TS) desestimou en outubro de 2016 os recursos presentados polos pais de Asunta, Rosario Porto e Alfonso Basterra, e ratificou a sentenza que os condenou a 18 anos de prisión polo asasinato da súa filla.

Previamente, en marzo do mesmo ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena aos pais de Asunta emitida pola Audiencia Provincial nun auto no que se avalaban os feitos recollidos como probados no auto orixinal, excepto no punto que se refire á participación directa de Alfonso Basterra na morte da nena.

Así, o alto tribunal galego introduciu unha modificación nos feitos probados segundo a cal foi Rosario Porto a única culpable de asfixiar á súa filla Asunta, aínda que determinou que isto o fixo "en execución do plan preconcibido" con Alfonso Basterra para acabar coa vida da menor.

Aínda tendo en conta isto, e despois de desestimar as irregularidades alegadas polas defensas dos pais, o TSXG indicou que a pena que cabía impor a Basterra por este caso era a mesma que a Porto, 18 anos de prisión por asasinato con agravante de parentesco e abuso de superioridade. O Supremo ratificou os fundamentos da sentenza.

Asunta Basterra Porto, de 13 anos, morreu asfixiada o 21 de setembro de 2013, aínda que o seu corpo, abandonado nunha pista forestal nas proximidades de Santiago de Compostela, non foi localizado até a madrugada do día 22.

A investigación posterior, que terminou co encarceramento dos seus pais adoptivos, determinou que, ademais, a menor consumira antes da súa morte e nos meses previos distintas cantidades de 'lorazepam', a última en rango "tóxico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta