O comité da Coruña pide paralizar o ERE en Alcoa á espera do fallo holandés

O seu presidente confía nunha resolución favorable após celebrarse a vista en Róterdam sobre a denuncia presentada polo comité europeo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/11/2018 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, instou á multinacional a paralizar o proceso do ERE extintivo presentado para esta fábrica e a de Avilés á espera do fallo do tribunal holandés, que será o 3 de decembro.

O Comité de Empresa de Alcoa A Coruña denuncia o ERE. COMITÉ DE EMPRESA DE ALCOA
O Comité de Empresa de Alcoa A Coruña denuncia o ERE. COMITÉ DE EMPRESA DE ALCOA | Fonte: Europa Press

Ao termo da vista celebrada este luns en Róterdam, Corbacho mostrouse confiado nunha resolución favorable aos traballadores, após a denuncia presentada polo comité europeo de Alcoa –no que están representados os empregados das plantas europeas– por vulneración dos dereitos de información e consulta en relación co citado ERE.

"A sensación é bastante boa", dixo sobre unha vista na que, segundo explicou, o xuíz fíxolles preguntas polo proceso europeo "e porque non se dese ao comité europeo posibilidade de negociación". Ademais, Corbacho explicou que el mesmo lle entregou documentación.

Sobre o feito de que a resolución non se coñeza até o 3 de decembro, segundo lles informou o xuíz, –tendo en conta que o período de negociación e consultas terminaría este mes, aínda que a empresa mostrou a súa disposición a amplialo–, dixo que "por coherencia" a multinacional debería esperar a que se coñeza o fallo.

COMUNICACIÓN A TRABALLO

"Se a empresa usa a intelixencia debería retirar o expediente", apostilou. Así, argumentou que debería esperar a coñecer o contido do citado fallo, que o comité da Coruña espera que vaia en consonancia coas formulacións do comité europeo sobre a paralización do expediente de regulación de emprego como medida cautelar, baseándose nas irregularidades que cometería Alcoa na súa presentación.

Por outra banda, avanzou que a comunicación de que a resolución se emitirá o 3 de decembro trasladaranlla á Dirección Xeral de Traballo en liña coa súa demanda de que se paralice "todo o proceso" do ERE. "Hai tempo para tomar decisións", recalcou sobre o futuro das plantas da Coruña e Avilés.

Mentres, apuntou que seguen á espera de que a empresa responda a proposta que o comité da Coruña lle remitiu o pasado venres. Nela, pídenlle a retirada do ERE e a apertura dunha negociación, en base ao oficio emitido pola Dirección Xeral de Traballo, que apunta cara á "mala fe" da compañía na presentación do expediente. "É á empresa a quen lle corresponde dar o paso", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta