O alcalde de Santiago confía en que o xuízo contra os Franco polas figuras do Pórtico "sentará xurisprudencia"

Martiño Noriega móstrase satisfeito e "con ganas" de que chegue o 1 de febreiro. "Non hai ningún documento que acredite a titularidade das pezas por parte dos Franco", di.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2018 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mostrouse satisfeito e "con ganas" de que chegue o 1 de febreiro, a data na que está fixado o xuízo contra a familia Franco polo espolio das tallas do Pórtico da Gloria. O rexedor non ten dúbidas de que "o tema acabará sentando xurisprudencia".

Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela
Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Noriega explicou que, coa vista preliminar, pechábase o período para presentar todas as probas e achegas que, á súa parecer, "demostran a titularidade das pezas do Mestre Mateo".

O rexedor da capital galega comentou que, malia o atraso que houbo nos xulgados, teñen "ganas" de que chegue o xuízo e espera que "se poida facer xustiza" e "conseguir o retorno das figuras para que as poidan gozar todos os composteláns e a xente que visita a cidade".

Martiño Noriega explicou que "se fixo un traballo documental previo moi serio, recoñecido por institucións, historiadores e expertos".

"Tivemos a sorte de atopar nos arquivos da Universidade de Santiago de Compostela todos os documentos de compra, actas notariais e acordos institucionais", proseguiu, antes de engadir que "non hai ningún documento que acredite a titularidade das pezas por parte dos Franco".

"DELITO IMPRESCRIPTIBLE"

Una das liñas argumentais da familia Franco é que había "prescrición do feito", tal como lembrou Noriega. O alcalde declarou que entende que "o feito é imprescriptible".

Neste sentido, o alcalde expuxo que "son pezas de dominio público" e que ademais "hai un marco legal histórico-artístico que ampara que este tipo de roubos ao patrimonio legal non prescribe co tempo".

Martiño Noriega asegurou que non ten dúbidas de que "o tema sentará xurisprudencia". "É a primeira acción vía civil contra a familia Franco, e sexa cal for o resultado acabaremos no Tribunal Supremo", adiantou.

O alcalde remarcou que "ademais de permitir que Santiago recupere o seu patrimonio, pode abrir as portas a outros casos similares". "Nós defendemos o acceso de todos ao patrimonio público", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta