Denuncian que "continúa o colapso" nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS apoia a folga do persoal e pide que se aumenten recursos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/11/2018 | Actualizada ás 21:29

Comparte esta noticia

"A realidade dos servizos de urxencias, negada sistematicamente pola xerencia, volve deixar un novo episodio de maltrato asistencial e de vulneración do dereito dos pacientes a intimidade e a un trato digno". Esta é a denuncia que fai este luns a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Colapso nas urxencias do CHUS, con doentes ciscados nos corredores.
Colapso nas urxencias do CHUS, con doentes ciscados nos corredores.

Segundo os denunciantes, que aportan imaxes, ás 19.15 horas 13 pacientes de distinta gravidade, e a maioría de idade avanzada, estaban colocados en cadeiras de rodas e padiolas no corredor de acceso e corredores limítrofes agardando ata mais de dúas horas para recibir a atención urxente. Un total de 10 pacientes estaban nas zonas de traballo agardando o ingreso en planta, dos cales cinco xa tiñan cama asignada.

"Novamente  paralízase o circuíto de atención a costa dos pacientes, que finalmente rematamos nos corredores agardando ser atendidos, porque as camas hospitalarias seguen sen estar dispoñibles no momento en que se demanda polo persoal facultativo do servizo", advirten os denunciantes.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS considera "irresponsabilidade" a "falta de compromiso" dos directivos do CHUS cos doentes e acúsaos de "negar os medios humanos e materiais necesarios para que esta situación remate"; situación que, din, "está acadando niveis intolerables impropios dun estado social e de dereito", xa que "atenta contra o dereito fundamental de atención urxente recoñecido no artigo 52.3. da Lei 1/2008, do 10 de xullo de Saúde de Galicia".

A denuncia chega en plena folga do persoal de Urxencias, que reclama melloras laborais e máis e mellores recursos. Nese contexto, a asociación lamenta que "a pesares da folga da plantilla do servizo se siga negando o aumento da dotación mínima de persoal facultativo, de enfermería, auxiliar e celadores requirida". 

"Cada vez que por razóns económicas se negan os medios sanitarios necesarios, aténtase contra a calidade asistencial e incórrese en maiores cutes de atención futura que nos está levando a un modelo sanitario non sostible".

Por isto, esixen que se acepten con carácter inmediato as reivindicacións do persoal sanitario en folga e que se respecte o sistema de dereitos recoñecidos a pacientes e usuarios polo ordenamento xurídico vixente, "sistematicamente vulnerados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta