Nace unha plataforma para liberar Galicia de centrais térmicas de carbón

'Galiza, un futuro sen carbón' avoga por pechar centrais como as das Pontes (Endesa) e Meirama (Naturgy).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/11/2018 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Loitar polo peche das centrais térmicas de carbón é o obxectivo que persegue unha nova plataforma creada por varios colectivos ecoloxistas. Galiza, un futuro sen carbón presentarase este venres 23 de novembro en Santiago de Compostela, nun acto que terá lugar na Facultade de Xeografía e Historia a partir das 17.00h.  Amais de explicar os porqués que motivaron o nacemento desta asociación, proxectarase un documental acerca do impacto medioambiental da extracción do carbón.

Central de Meirama
Central de Meirama | Fonte: Wikipedia

Galiza, un futuro sen carbón reclama que no 2025 estean pechadas todas as centrais nucleares e de carbón en Galicia e no conxunto do Estado. No seu canto, propoñen apostar verdadeiramente polas enerxías renovables, así como polo aforro e eficiencia enerxética.  "A queima do carbón en centrais térmicas como as de Meirama e As Pontes xera inxentes emisións de CO2, converténdoo no principal causante do cambio climático e de graves problemas sociais e de saúde", explican dende a plataforma. 

Apoiaranse tamén no visionado dun documental producido por Greenpeace, "O lado escuro do carbón". Esta cinta recompila os efectos negativos da extracción e combustión deste mineral en diferentes puntos de España. As voces de médicos, exmineiros, activistas e asociacións veciñais de zonas afectadas protagonizan o filme. "Case sempre ignoradas e silenciadas", as agrupacións veciñais son as que terman da "loita" contra a "destrución da contorna, contaminación, problemas sociais, doenzas graves..."

A PLATAFORMA: PUNTO E FINAL PARA AS CENTRAIS TÉRMICAS

"Porque é un imperativo ambiental. Porque non necesitamos o carbón como fonte de enerxía. Porque é demasiado caro. [...] Porque aumentan a débeda ecolóxica contraída pola economía galega co Sur global". Galiza, un futuro sen carbón resume así, no seu manifesto, as súas razóns de ser. Consideran que o noso será un dos países europeos máis prexudicados polo cambio climático e, polo tanto, apuntan a unha "responsabilidade" e a unha "obriga" no referido a facerlle fronte a esta problemática. 

"Tan só as centrais térmicas de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Naturgy) emiten un terzo dos gases de invernadoiro lanzados a atmosfera desde a nosa terra", sinalan. Como consecuencia, cren que é o momento de "planificar o seu peche a curto prazo", sen descoidar as garantías para os traballadores e traballadoras afectadas.

Se ben admiten que para loitar contra a problemática medioambiental cómpre mudar os patróns sociais en profundidade, entenden que o primeiro paso é desfacerse destas centrais. Aínda por riba, danse casos -como en Meirama- nos que non se puxeron en marcha as reformas necesarias para adaptarse á lexislación europea e limitar así a emisión de gases contaminantes. 

As organizacións que integran esta rede e que pulan por pórlle punto e final ás centrais son as seguintes: ADEGA, Amigos da Terra, a Asociación Naturalista 'Baixo Miño' (ANABAM), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría verde, Ghichas Co-mando, Greenpeace, Nosa Enerxía, Peton do Lobo, a Plataforma contra a Mina de Touro - O Pino e Verdegaia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 TranquiTronco

Hai 27 parques eólicos proxectados por unha soa empresa en Galiza. Vexo que algunha desas asociacións tamén protestou polos parques eólicos. Eu pregunto: vades deixar que poñan xeradores no xardín da vosa casa ou na azotea do voso edificio? Porque non sei onde van meter máis eólicos e que ademais non estraguen a paisaxe, as turbeiras, o rural...

1 Gaio

Pois si, era bo que se promovese a colocación de muíños de moi baixa potencia para o autoconsumo. Pero aínda así, tamén farán falta máis parques eólicos, aínda que non vale facelos de calquer xeito e en calquer sitio. Aínda que claro, é mellor para a nosa paisaxe, o noso rural,... e non sei cantas cousas máis, traer de fora cada ano millóns e millóns de toneladas de combustibles fósiles e queimalos tranquilamente como se o cambio climático fose un invento.

2 TranquiTronco

Definitivamente vives nun mundo de yupi. É máis, seguramente es dos que pensa que un coche eléctrico pode andar e recargar as baterías con paneis solares no teito.