Traballadores da zona azul de Vigo acusan a Caballero de enganalos sobre a intervención do servizo

Confirman que a intervención foi proposta polo goberno e non pola oposición, aínda que agora o alcalde di que é "ilegal".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/11/2018 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Os traballadores do servizo de xestión do estacionamento regulado de Vigo (XER), a chamada 'zona azul', acusaron este mércores ao alcalde da cidade, Abel Caballero, e ao concelleiro de Mobilidade, Carlos López Font, de telos "enganado" e de manter bloqueada a solución ao seu conflito --levan en folga 82 días polo despedimento de 8 empregados--.

Marea de Vigo ameaza con denunciar o contrato da XER
Marea de Vigo ameaza con denunciar o contrato da XER | Fonte: Europa Press

O portavoz do colectivo, Carlos Landín, explicou, en declaracións aos medios, que foi o goberno municipal o que lles expuxo que se ía intervir o servizo, como medida provisional mentres non se resolvía o expediente de rescisión aberto á empresa Dornier por incumprimento do contrato. "Foi idea deles, non da oposición. Isto é unha tomadura de pelo", engadiu, en alusión ás declaracións do alcalde sobre a ilegalidade desa medida.

Segundo incidiu, o cadro colaborou co goberno municipal, os traballadores foron declarar ao Concello no marco do expediente aberto á concesionaria, e o concelleiro de Mobilidade chegou a prometerlles que a intervención do servizo sería aprobada o 15 de novembro en Xunta de Goberno, algo que non se produciu. "Temos o expediente, sabemos que existe, por que se botou para atrás?", cuestionou Landín.

O portavoz dos traballadores esixiulle ao alcalde "que dea a cara e deixe de esconderse detrás dos bombos, os 'shows' e todas esas 'trapalladas' que fai", e advertiu de que, se algún dos 6 traballadores que se puxo en folga de fame ten problemas de saúde será "responsabilidade do alcalde".

"MENTIRAS" DO ALCALDE

"É o único político que non veu a falar cos traballadores en ningún momento, e hoxe fomos á Alcaldía a entregarlle un escrito e pedir unha entrevista, e mandou a dous axentes de Policía a que nos botasen fora", lembrou.

"O PP non di mentiras, a Marea non di mentiras. As mentiras está a dicilas el", proclamou o representante do cadro, quen advertiu de que "isto vai romper por algún lado". "Que os cidadáns de Vigo saiban a que personaxe teñen de alcalde. Que veña a solucionar este problema, que estiveron a nos dar esperanzas tódolos días da folga, e agora tiran todo pola borda", engadiu. Os traballadores fixeron público un informe asinado polo xefe de área de Seguridade e Mobilidade do Concello, no que se propón "ordenar a inmediata intervención" do servizo, declarando a "situación de emerxencia" por unha "perturbación grave" no devandito servizo.

INTERVENCIÓN ILEGAL

Pola súa banda, e cuestionado polos medios de comunicación acerca deste conflito, o alcalde, Abel Caballero, volveu a insistir en que o expediente aberto a Dornier "está en tramitación" e que o goberno local actuará conforme á "legalidade". A ese respecto, repetiu que a posibilidade de intervir o servizo que, segundo el, expoñen PP e Marea, é "claramente unha ilegalidade", e "favorecería" á empresa porque tería argumentos para recorrer.

O alcalde proclamou que a actuación do goberno local e os prazos para resolver o expediente están fixados "por unha lei", aínda que evitou concretar cando podería estar resolto devandito expediente. En todo caso, puntualizou, a actuación dependerá do "incumprimento" no que incorrese a concesionaria, "de habelo, que o dirán os técnicos ou, eventualmente, os xuíces".

EN MAREA VIGO AMEAZA COS TRIBUNAIS

O grupo municipal Marea de Vigo ameazou este mércores con denunciar ante os tribunais todo o proceso de adxudicación do servizo da 'zona azul', cuxos traballadores levan 82 días de folga polo despedimento de varios empregados, e cuxa concesionaria ten un expediente aberto por parte do goberno local por incumprimento do contrato.

O portavoz de Marea, Rubén Pérez, denunciou que o alcalde, Abel Caballero, pretende responsabilizar aos grupos da oposición da situación do servizo, cun cadro que leva case tres meses de paro e con varios traballadores en folga de fame desde este martes. "É un acto de 'bocachanclismo' culpar a PP e Marea dunha situación que deriva dunha decisión do goberno local", subliñou, en alusión á adxudicación do servizo á empresa Dornier.

Rubén Pérez volveu criticar as condicións nas que se adxudicou este contrato, cunha oferta económica un 30 por cento inferior á contemplada no prego, e subliñou que había informes técnicos que desaconsellaban outorgar o servizo a Dornier, pero que foron "retirados". "Queremos ver eses informes que advertían de que non se adxudicase a esta empresa", proclamou, e engadiu que "se hai que ir ao xulgado, irase".

"As mesas de contratación deste Concello son un auténtico escándalo", abundou, e advertiu de que Marea de Vigo apoiará ao alcalde na rescisión do contrato e ante unha posible "chantaxe" da empresa concesionaria, pero non no "inmobilismo". "Que tome unha decisión xa", sentenciou.

INTERVENCIÓN DO SERVIZO

O portavoz de Marea reiterou que a fórmula da intervención do servizo, nomeando a un funcionario para que se fixese cargo do mesmo mentres non se resolva a rescisión do contrato, non foi exposta pola oposición, senón polo propio goberno local.

"Non se pode intervir unha sociedade mercantil, pero si se pode rescindir o contrato e rescatar a concesión. É unha decisión política. Non hai máis. Que lles digan aos traballadores cal é o problema", aseverou.

"QUE NON BUSQUE ESCUSAS"

Pola súa banda, a portavoz do PP, Elena Muñoz, tachou de "vergoñentas" as declaracións do alcalde responsabilizando á oposición de propor unha intervención do servizo que sería ilegal, e denunciou que Abel Caballero "non ten a máis mínima humanidade nin respecto polos traballadores".

"Aquí a que non cumpre a legalidade é a empresa, que o alcalde non busque escusas nin dea patadas adiante, que tome medidas contra a concesionaria, que incumpriu o contrato", proclamou Elena Muñoz, quen acusou ao goberno local de "protexer" a Dornier.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta