Alcoa non asiste a unha mesa de traballo e recibe as críticas de gobernos, empregados e concellos

O conselleiro de Industria mostra a súa "preocupación" ante a falta de propostas por parte da multinacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2018 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, Concello da Coruña e sindicatos criticaron o plante da empresa Alcoa á mesa de traballo que tivo lugar en Madrid --convocada polo Goberno central-- con motivo do ERE que expira a finais deste mes. Ademais, estiveron representados membros do Principado de Asturias e do concello de Avilés co obxectivo de buscar alternativas ao peche das fábricas.

Manifestación de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA
Manifestación de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA | Fonte: Europa Press

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, mostrou a súa "preocupación" pola ausencia da empresa e a falta de "propostas" por parte de Alcoa e o Goberno nunha mesa de traballo sen avances.

Así, Conde avoga manter o plan de acción iniciado por parte das administracións e concellos en defensa dos traballadores, á vez que demanda a Alcoa a retirada do ERE antes de que expire nun prazo de dez días para negociar.

A Xunta reclama ao Goberno que tome "a iniciativa" e achegar "solucións" ao conflito en Alcoa a través dunha proposta de marco enerxético estable cun custo "homologable a cinco anos", así como a implantación de mecanismos de compensación que se empregan noutros países europeos.

SINDICATOS E CONCELLO DA CORUÑA

Pola súa banda, os sindicatos (UGT e CC.OO.) cualificaron a actitude de Alcoa de "falta de compromiso de solución", cun "desprezo" ás institucións. Ante esta falta de vontade negociadora, comprometéronse a buscar ferramentas a todos os niveis para que as plantas sigan sendo competitivas.

Pola súa banda o concelleiro de Emprego da Coruña, Alberto Lema, declarou que se ha de pensar máis aló sobre as accións que o Goberno central pode adoptar para que se manteña a actividade.

COMPROMISO DO SENADO

O Senado instou este mércores á multinacional do aluminio Alcoa a que retire o expediente de regulación de emprego (ERE) á vez que reafirmou o seu compromiso cos traballadores das plantas da Coruña e Avilés.

Os senadores comprometéronse a "involucrar a todas as administracións para instar a Alcoa a retirar o ERE e abrir unha mesa de negociación con todas as partes para atopar unha solución urxente que garanta o mantemento da actividade empresarial e o emprego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta