Crece o gasto farmacéutico en Galicia

As farmacias galegas facturaron máis este outubro. O País Vasco é a comunidade na que máis se aumentou a facturación. A nivel español o crecemento foi dun 6%.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/11/2018 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

As farmacias de Galicia facturaron un 4,2% máis durante o mes de outubro, respecto do mesmo período no ano pasado. Desta volta, a cantidade rexistrada foi de 111,1 millóns de euros. Así o explica o informe 'La farmacia española, en cifras', da consultora estratéxica hmR.

Dispensando medicamentos nunha farmacia
Dispensando medicamentos nunha farmacia | Fonte: snarc

Por comunidades autónomas, o País Vasco foi onde máis medrou esta facturación (13,5%) durante outubro. Séguenlle as Illas Baleares e Estremadura, cun 12,9% e un 8,8%, respectivamente. Con todo, Andalucía segue sendo a rexión que encabeza o ránking de facturación, con 316,7 millóns de euros facturados durante o pasado mes. Cataluña (258,1 millóns de euros) e Madrid (236,3 millóns) sitúanse xusto despois.

Segundo o citado estudo, no ámbito nacional, a facturación acumulada entre novembro do 2017 e outubro deste ano foi de 19.542,9 millóns de euros. As farmacias españolas venderon 1.691,7 millóns de produtos neste intervalo de tempo. Atendendo ao cómputo anual, dende comezos de xaneiro, as farmacias aumentaron nun 2% a súa facturación. Durante o mes de outubro, este incremento foi dun 6%, alcanzando os 1.706,7 millóns de euros.

Este crecemento do mercado farmacéutico en España afecta tanto aos medicamentos éticos (os que precisan receita ), como aos consumer health (pódense mercar sen prescrición). No caso destes últimos, o seu aumento foi dun 7,6%.

Dentro dos que necesitan contar con receita médica, os medicamentos do marca medraron un 4,6% en outubro, mentres que os xenéricos o fixeron nun 7,6%. Cabe salientar que a área na que máis se incrementou a porcentaxe foi na dos medicamentos antidiabéticos, seguidos dos antitrombóticos e os de carácter respiratorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta