Un colexio de Lugo representará a Galicia nun certame sobre cambio climático en Costa Rica

Foron elixidos tras elaborar un vídeo que trata de sensibilizar sobre a necesidade de mitigar o cambio climático.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2018 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Galicia estará representada polo colexio de infantil e primaria Cervantes, de Lugo, na próxima edición do Campus mundial 2019 sobre o cambio climático, que terá lugar en San José de Costa Rica en abril do próximo ano. Trátase dun centro concertado da cidade de Lugo e que conta coa distinción de plurilingüe.

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España

A posibilidade de asistir a este evento débese á previa alta cualificación que recibiron os alumnos nun evento anterior celebrado en Aveiro (Portugal) en setembro deste ano, onde presentaron un traballo sobre a educación ambiental no colexio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acudiu este venres ao centro educativo para comunicarlles que a consellería colaborará nos gastos da viaxe ao que asistirán catro dos alumnos participantes na iniciativa.

O proxecto gañador que, segundo explicou a conselleira deixou sorprendidos aos participantes do campus celebrado en Aveiro por tratarse do único centro de primaria que participou no foro internacional, consistiu na elaboración dun vídeo que trata de sensibilizar sobre a necesidade de mitigar o cambio climático.

Ángeles Vázquez tamén destacou o esforzo dos alumnos por trasladar esta mensaxe de "forma amena e sinxela pero moi directa". Por outra banda, sinalou que a futura experiencia que vivirán en Costa Rica, ademais dun premio de recoñecemento, é un exemplo e referencia para toda a comunidade educativa de Galicia.

Finalmente, sinalou a implicación social do plan de estudos do centro no que se refire a dereitos humanos e respecto á natureza e medio ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta