Temas: LUZ NADAL VIGO

Vigo acende a "magnífica" ilumnación do Nadal este sábado

O Concello instalou máis de media ducia de pantallas para poder seguir o momento en que comece o alumeado.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/11/2018 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

A cidade de Vigo dará o pistoletazo de saída ás festas do Nadal co acendido da iluminación, que será finalmente este sábado ás 21,00 horas, unha hora e media máis tarde do anunciado, ante a previsión de choivas.

Luces de Nadal en Vigo, 2017
Luces de Nadal en Vigo, 2017 | Fonte: Contando Estrelas en Flickr.

O alcalde, Abel Caballero, confirmou a hora do acendido, cuxa 'cerimonia' terá lugar na gran árbore instalada en Porta do Sol, e que incluirá un espectáculo audiovisual que o converterán nun evento "magnífico".

Ante a previsión dunha afluencia masiva de xente, o Concello instalou máis de media ducia de pantallas para poder seguir ese momento desde outros puntos do centro da cidade, e porá en marcha un plano especial de tráfico que inclúe restricións de circulación e cortes en varias zonas.

Así, desde media tarde prohibirase a circulación de forma progresiva desde Porta do Sol cara a Policarpo Sanz. Tampouco se permitirá o tráfico desde Colón (cruzamento dos bancos) até a Farola do inicio de Príncipe, onde se sitúa a bóla de nadal xigante.

Tamén haberá restricións en Gran Vía á altura de Lepanto, onde se colocou un enorme 'agasallo' de 15 metros, na rotonda de Rosalía de Castro onde hai unha pantalla circular, e na entrada de Concepción Arenal pola Alameda, que está 'custodiada' por un enorme boneco de neve luminoso. As limitacións na circulación manteranse todas as fins de semana, festivos e vésperas de festivos de 18 a 22 horas até o 6 de xaneiro.

Ademais, reforzaranse os servizos de bus, e poranse lanzadeiras desde Praza de España, Paseo de Alfonso XII, García Barbón e Praza do Rei, xa que se recomenda evitar o uso de vehículo particular para desprazarse ao centro da cidade. De feito, o bus turístico percorrerá tódalas tardes as zonas emblemáticas do centro e os lugares onde se instalou a decoración do Nadal.

Con motivo do acendido das luces de Nadal, o Concello deseñou un dispositivo de seguridade que inclúe 90 axentes da Policía Local, 10 efectivos de bombeiros con 3 vehículos, 100 voluntarios de Protección Civil, ambulancias, un posto médico e un punto de encontro.

Ademais dos elementos luminosos instalados no centro e noutros barrios da cidade (case 1.500 motivos, 9 millóns de lámpadas led, 13 fachadas iluminadas e máis de 300 árbores, entre outros), a rúa peonil do Príncipe e a súa contorna contarán con diferentes ornamentos, que inclúen camelos, un tren, a casiña de Papá Noel, e outros adornos.

O próximo 28 de novembro inaugurarase, na Casa das Artes, o belén xigante; e o 30 de novembro, un poboado do Nadal na Casa Galega da Cultura. O programa de actividades complementarase con música na rúa e un concerto sacro na Concatedral, mercadillos, as visitas do Carteiro Real aos barrios, a festa de Noitevella na Praza de América e a Gran Cabalgata dos Reis Magos.

Temas: LUZ NADAL VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta