Pontón reclama o rescate da AP-9 para que non sexa o "xoguete especulativo" de fondos de investimento

A portavoz nacional do BNG insiste ao Goberno central a "decidir" se quere que prime o interese xeral de Galicia ou o negocio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2018 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou a súa reclamación de rescate para "o ámbito público da autoestrada AP-9", para "acabar coa estafa" de que Galicia conte cunha infraestrutura clave privatizada e pola que se pagaron en peaxes maiores cantidades que a que supuxo a súa construción e evitar que sexa o "xoguete dos fondos de investimento".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa

Así o manifestou Ana Pontón en Ferrol, durante a súa participación no ciclo "Conversas no Parador", que organiza o Club de Prensa desta cidade no Parador de Turismo, situado na zona dos Xardíns de Herrera.

O rescate para o ámbito público da autoestrada AP-9 significaría, ao seu xuízo, "acabar coa estafa que supón ter neste momento privatizada unha infraestrutura que é clave para a mobilidade galega" e pola que xa se pagou en peaxes "máis do que custou a súa construción".

A portavoz nacional do BNG instou ao Goberno de Pedro Sánchez a "decidir se quere que a AP-9 sexa un xoguete especulativo dos fondos de investimento ou un ben público, onde prime o interese xeral de Galicia ou o negocio dunha infraestrutura" que xa se lle pagou.

Con respecto á liña de ferrocarril que une a cidade de Ferrol coa Coruña, Pontón incidiu en que "se trata da mesma que hai 100 anos e que parece unha foto fixa, que non evolucionou", ademais de reclamar tamén "unha tarifa eléctrica galega" ao producirse máis enerxía que a que se consome. "E se Euskadi pode ter esta tarifa, non entendemos por que os galegos non".

ALCOA

Ana Pontón reclamou, "unha mesa de negociación e de diálogo para abordar a situación de Alcoa", manifestando que "o Goberno galego ten que deixar de estar a marear a perdiz e ten que porse a fronte dun tema de defensa de país e que desde o BNG temos propostas claras", incidindo en que o dispor "dunha tarifa eléctrica galega suporía unha rebaixa do prezo da electricidade con carácter global do 15% e outro tipo de condicións para a industrial electro-intensiva, na que non só está Alcoa, senón que outras moitas empresas, e poder desta forma dar estabilidade á industria e evitar que se siga destruíndo emprego".

ILEGALIZAR A FUNDACIÓN FRANCISCO FRANCO

Por último, Pontón reclamou "ilegalizar a Fundación Francisco Franco" e "tomar nota do realizado noutros países onde aconteceron procesos similares, como en Alemaña, onde non se permite facer apoloxía do fascismo, porque é un insulto á memoria das vítimas e é unha ideoloxía contraria a calquera pensamento democrático".

A portavoz do BNG tamén mostrou o seu rexeitamento a que "durante a transición se permitise a continuidade do franquismo e mesmo se subvencionou con fondos públicos a Fundación Francisco Franco, e parece que non hai vontade real por dar un debate fondo por pór en marcha medidas que cambien este tipo de pensamento". "Eu estimo que é moi grave facer apoloxía desta ideoloxía, que levou por diante a miles de persoas, a todos aqueles que pensaban de maneira distinta e que creou terror", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta