Os galegos de Cataluña non esquecen a súa orixe

A Asociación Cultural Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Toxos e Xestas, dúas entidades galegas de Cornellá e de Barcelona, organizaron distintas actividades culturais esta fin de semana.

Por X.M. Fernández | Barcelona | 26/11/2018 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O pasado sábado, a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellá celebraba no seu local social diferentes actos co gallo do “XXXII Certame de Poesía Rosalía de Castro”. Pola mañá recibiron a visita do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e ás 12:00 h. tivo lugar unha homenaxe a Basilio Losada Castro, ilustre filólogo e investigador da lingua e cultura galega e portuguesa en Catalunya. O Secretario Xeral foi precisamente o encargado de facerlle entrega da medalla de honra da entidade Rosalía de Castro como recoñecemento ao traballo de colaboración con esta asociación e por ser unha das persoas máis importantes na fundación, promoción e posta en marcha do recoñecido certame de poesía que se organiza dende o ano 1986.

Valentín García no 40 Aniversario de Toxos e Xestas. Foto: Domingo Balboa
Valentín García no 40 Aniversario de Toxos e Xestas. Foto: Domingo Balboa

Pola tarde, ás 19:00 h. celebrouse unha conferencia a cargo de Armando Requeixo Cuba sobre a relación entre a literatura galega e a literatura catalá dende a súa perspectiva como investigador, profesor da USC e crítico literario. Requeixo foi ademais o presidente do xurado deste "XXXII Certame de Poesía Rosalía de Castro"; xurado que completaron como vicepresidenta Miriam Ferradáns Ferradas -poeta galega- e como vogais: Ana Vázquez Estévez -documentalista, licenciada e doutora en Hispánicas- Xulio Simón Rúa –profesor licenciado en Galego e Portugués- e Xosé Lamela Bautista -Enxeñeiro e escritor galego-.

A continuación tivo lugar unha cea con socias/os e simpatizantes da entidade e no remate da mesma fixéronse públicos os gañadores do certame. O primeiro premio foi para Isaac Xubín, de Sheffield; o segundo para Manuel Antonio Piñeiro Fernández, de Ribeira, e o terceiro para Gonzalo Hermo, de Rianxo. Houbo unha mención especial para Azucena Arias Correa, de Pontevedra. Os premios en metálico tradúcense en 800 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 para o terceiro.

O Certame de Poesía Rosalía de Castro celebraba este ano a súa trixésimo segunda edición dando a oportunidade de novo a autores noveis para darse a coñecer e obter tamén unha recompensa económica. O primeiro gañador, alá polo 1986, foi Darío Xoán Cabana e outras coñecidas autoras como Yolanda Castaño ou Tamara Andrés tamén acadaron este mérito en edicións posteriores, segundo nos conta Xulio Cougil, un dos organizadores. “Este ano recibimos unhas 94 obras a concurso, delas 86 entraron en prazo, chegadas algunhas delas de diferentes comunidades autónomas fóra de Galicia e Catalunya e incluso do estranxeiro”, engade Cougil.

Nos actos da xornada de tarde xa non estivo presente Valentín García porque tiña outro importante compromiso, acudir ao 40 Aniversario da Asociación Cultural Toxos e Xestas de Barcelona. Esta entidade galega é unha das entidades galegas de referencia en Catalunya, caracterizándose polo seu labor no ensino e innovación relacionados co canto, a música e o baile tradicional. Un colectivo que tiña por costume celebrar un festival anual para poñer en valor as tradicións folclóricas de Galicia e darlle oportunidade a novos valores e propostas de música tradicional e folk do país. Tras uns anos de interrupción na celebración deste festival, este ano volveron ao grande organizando unha gran gala de celebración dos 40 anos que encheu L’Auditori de Barcelona. Xunto aos anfitrións, a asociación cultural Toxos e Xestas e o Grupo Folk T-Folk, estiveron como artistas e intérpretes convidados: o coro góspel Cor Turull, o Rapeiro Marc, o Centro Asturiano de Barcelona, a City of Barcelona Pipe Band, Beirao Percussió e diferentes grupos de gaita e baile das entidades da FEGALCAT (Federación de Entidades Galegas en Catalunya). A presentación do acto correu a cargo de Alberte Montes, coñecido actor e humorista galego-catalán.

Valentín García tocando a gaita cos alumnos da Asociación Rosalía de Castro. Foto: Asoc. Rosalía de Castro
Valentín García tocando a gaita cos alumnos da Asociación Rosalía de Castro. Foto: Asoc. Rosalía de Castro

No trascurso desta celebración, Valentín García recibiu a insignia de ouro da Asociación Cova da Serpe de Barcelona, unha das entidades culturais da FEGALCAT.

Homenaxe a Basilio Losada. Foto: Xulio Cougil
Homenaxe a Basilio Losada. Foto: Xulio Cougil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 GalegON

Que campechano o Sr Valentín, tocando a gaita cos rapaces.

1 Luís Losada

Falta na composición do xurado Miriam Ferradáns poeta premiada en anos anteriores no certame e tamén gañadora entre outros dos premios XX Franciso Añón de poesía e do XXIX Premio Nacional de Poesía X. M. Pérez Parallé. Agradecería corrixan esta lamentable ausencia

1 hermanager

Toda a razón, Fe de erros. Solucionado, e desculpas.