Temas: O PINO TOURO MINA

A multinacional da mina de Touro está en números vermellos, segundo plataformas ecoloxistas

Os datos presentáronos a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, Ecologistas en Acción e Contraminacción.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 26/11/2018 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

“As cousas non lle marchan ben” á multinacional con sede en Chipre, Atalaya Mining que  “tenta camuflar a realidade publicitandocrecentes expectativas de produción de cobre na mina de Riotinto (Huelva), imposibles de acometer. E para iso utiliza un recente informe financeiro que fixo público a través da súa páxina web”. Así o apuntan nunha nota de prensa as tres organizacións contrarias á reapertura da mina de cobre entre os concellos de O Pino e Touro.

Labores de catas nos terreos da mina O Pino Touro
Labores de catas nos terreos da mina O Pino Touro

Segundo os datos cos que traballan a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, Ecologistas en Acción e Contraminacción “no último mes as accións da empresa caeron en picado, ata un 35%, o que indica que perdeu todo o gañado desde xaneiro”. A isto engaden tamén que “mentres o prezo do cobre e as accións doutras mineiras se manteñen máis ou menos estables, Atalaya Mining parece perder o rumbo”. Con todo, segundo puido comprobar Galicia Confidencial, a multinacional podería estar facendo manobras para recuperarse como apunta a Bolsa de Londres.

As tres organizacións que asinan o comunicado de prensa sobre a situación de Atalaya Mining sinalan que “en setembro, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA) anulaba a autorización ambiental da mina de Riotinto (Huelva), estimando a demanda de Ecoloxistas en Acción, que demostrou a vulneración das obrigacións de información e os dereitos de participación cidadá previstos legalmente”.

Respecto ao Proxecto Touro “a situación tampouco mellora para a empresa” sinalan os asinantes do comunicado. “Aínda que no seu informe financeiro pretenda dar a entender que a aprobación do proxecto está ao caer, ao ter rematado a fase de información pública do procedemento”. Non obstante, “o recente informe de ICOMOS, no que alerta do grave risco que a mina suporía para o Camiño de Santiago, podendo chegar a ser excluído da Lista de Bens Patrimonio de a Humanidade da UNESCO, non parece presaxiar un futuro moi bo para a mineira en Galicia”.

Vista a situación, desde a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, manifestan que “no hipotético caso de que a Xunta de Galicia dese luz verde ao proxecto, a intención da empresa de explorar a superficie de 122 quilómetros cadrados (que logo pasaron a ser 153) de todas as concesións de exploración que rodean a mina de Touro, como afirmaba o Conselleiro Delegado, Alberto Lavandeira, poida levar a cabo, polo que sí se trataría dun proxecto fragmentado”. Este extremo “vén dar a razón a quen avisou desde un principio das intencións da mineira de explotar moito máis do proxectado inicialmente”.

Desta maneira, valoran que a situación actual de Atalaya Mining “non ofrece ningunha garantía, pero maior inseguridade deben ter quen teñen a responsabilidade de aprobar ou denegar este proxecto”. Neste contexto, a empresa está cunha “inestabilidade que dificilmente ofrece garantías e moito menos no caso de ter que facer fronte a posibles indemnizacións por accidentes ou destrucións patrimoniais”.

As tres plataformas ecoloxistas consideran que a sentenza do TSJA pon en alerta tanto á empresa como todas as persoas vinculadas a ela. “Atalaya Mining, e os seus accionistas, saben que esa sentenza fará caer como fichas de dominó as demais autorizacións desa mina andaluza”. De feito,  “o TSJA xa deixou visto para unha nova sentenza o proceso xudicial que moi probablemente culminará coa nulidade”.

Por outra banda, as plataformas contrarias á mina ven posible a “paralización da autorización que permitiu o reinicio desa explotación en 2015, ata que cumpran con todas as súas obrigacións ambientais e de seguridade mineira”. Ademais disto, na nota sinálase que “Atalaya e os seus accionistas sabe que resulta imposible a ampliación de explotación e produción que pretenden en Huelva, sen abordar un macromillonario investimento que modifique radicalmente o sistema de xestión dos seus residuos”.  Como exemplo disto poñen balsas de lodos de Riotinto que “están ao bordo da saturación e a tempada de choivas -que xa empezou en Andalucía- poñeraas novamente en serio risco de rotura”.

Atalaya Mining anunciou que aumentarían a seguridade nos muros de contención na mina de Río Tinto. Mais para os ecoloxistas, esta solución de recrecemento de muros nas balsas que pretende Atalaya Mining, tal como fixo Boliden na mina de Aznalcóllar hai dúas décadas, é inviable ambientalmente e conducirá inexorablemente a un novo desastre mineiro”.

Tamén apuntan a outra sentenza, a do caso Astor, que “complica aínda máis a situación da empresa, aoconfirmarse a resolución de marzo de 2017 pola que Atalaya Mining debe devolver a Astor Management calquera exceso de efectivo xerado, aínda que non de inmediato”. Así “desde que se coñeceu esta sentenza, a pesar de un pequeno aumento no prezo do cobre, as accións de Atalaya caeron”. Astor pretende recorrer a sentenza para reclamar 15,9 millóns á multinacional chipriota.

Temas: O PINO TOURO MINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta