En liberdade o condutor que causou o accidente en Barro no que morreu unha muller

O mozo deu unha taxa de alcohol catro veces superior ao máximo permitido.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2018 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O mozo de 27 anos detido o sábado tras dar positivo na proba de alcoholemia realizada por mor dun accidente de tráfico supostamente causado por el e no que morreu unha muller quedou en liberdade á espera do informe de Atestados.

Vehículo da Garda Civil. GUARDIA CIVIL
Vehículo da Garda Civil. GUARDIA CIVIL

Segundo informaron fontes xudiciais, o mozo, N.C.M.G., foi detido tras dar positivo na proba de alcoholemia, aínda que quedou posteriormente en liberdade en sede policial á espera de que o xulgado que instrúe a causa reciba o informe de Atestados para tomarlle declaración.

O condutor deu unha taxa de 1,02 e 1,01 mg/l, catro veces superior ao máximo permitido, na proba de alcoholemia practicada tras un accidente de tráfico ocorrido a fin de semana na AP-9 en Barro, no que morreu unha muller. Atribúenselle delitos contra a seguridade viaria e de homicidio por imprudencia grave e, polo momento, intervéuselle o vehículo e o permiso de conducir.

ACCIDENTE

Segundo informou a Garda Civil, ás 23,24 horas do sábado tívose constancia de que había un coche envorcado con persoas atrapadas na AP-9, no quilómetro 119 en sentido Tui, á altura da localidade de Barro (Pontevedra). Até o lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil, que confirmou que se trataba dunha colisión por alcance dun Renault Megane a un Volkswagen Sharan, que provocara tamén unha saída de vía pola marxe dereita.

O 112 Galicia puxo a situación en coñecemento das 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vilagarcía, Ribadumia e Pontevedra; da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía. Como consecuencia do choque, faleceu R.G., de 52 anos, veciña de Caldelas de Tui, que tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia. No coche viaxaban o seu marido, que era o condutor, e o seu fillo. Ambos tiveron que ser evacuados ao hospital Domínguez de Pontevedra. O tres levaban posto o cinto de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta