Que efectos ten traballar desde o fogar?

A diversificación, a terciarización, a redución de custes e a aparición da Rede, fixeron posible traballar desde o propio lugar de residencia. Nun principio os e as expertas apuntaban unha mellora na calidade de vida e rendemento. A día de hoxe os salarios baixos, a falta de incentivos e a precariedade contractual fai que algúns e algunhas pensen se merece a pena.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A aparición da Internet e as diferentes posibilidades que abriu no seu momento, trouxo parella a posibilidade do denominado “traballo online” ou “teletraballo”, gañar a vida sen saír da casa. Un soño para moitas persoas que agora é unha realidade para algunhas. Sen desprazamentos en vehículo, sen atrancos na estrada, sen horarios fixos que cumprir ou sen ter que recorrer ao “presentismo” na empresa para a promoción persoal. Estas son entre outras, algunhas das vantaxes.

Un ordenador portátil
Un ordenador portátil

Mais a idea de termos a xornada na nosa casa pode levarnos tamén a coller hábitos e rutinas que obstaculicen o desenvolvemento óptimo dos nosos labores. Isto tamén se pode complicar en caso de non sabermos distanciarnos das distraccións que pode haber na casa. Unha mala xestión de horarios, un “quedar atento a” e estar máis pendente de quen vai chamar á porta ou ao teléfono pode tirar polo chan todas as expectativas postas no traballo online.


A ELECCIÓN

“Decindinme por un traballo do que eu sabía que a principal maneira de facelo era traballando na casa” di Samuel Solleiro, traductor e escritor. O feito de desenvolver as túas tarefas profesionais no que é o teu lugar de residenci podería levar a pensa que estamos nun marco perfecto, nun contexto onde a persoa se pode sentir máis realizada no momento de responder laboralmente. “Non creo que un traballo teña a capacidade de realizar unha persoa, o meu caso é que estou afeito, o caso é que non me importaría probar outro tipo de forma de traballar”.

“Para min foi xurdindo pouco a pouco, como unha caste de xornada laboral de oito horas máis as correspondentes tarefas domésticas” contesta o guionista e escritor Diego Ameixeiras. Este autor considera unha vantaxe pensar na “comodidade dun espazo propio, unha certa autonomía á hora de organizar o tempo e non ter que desprazarse

Ramón González, xornalista de Xornal da Mariña “no meu caso foi unha decisión de “si ou si” porque nós non temos local onde traballar fisicamente, pero realmente prefiro ter un lugar de traballo fóra”. A razón para esta predilección é a idea do fogar, da casa como o espazo onde unha persoa desconecta de toda a xornada laboral. Unha realidade onde sentirse cómodo e poder baleirar o corpo de estrés.

Julio é transcriptor e sobre a súa experiencia é claro “foi o único traballo que atopei nos últimos tempos, por iso o fago desde a miña casa”. As vantaxes para el están claras “tés a oportunidade de axustar horarios ás túas necesidades, ademais de poder atender outros temas como trámites, cuestións médicas e de fogar e tamén deseñar mellor o teu tempo de ocio”.

Carlos Montes, psícologo e presidente da Sección de Traballo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, comenta que “a principal vantaxe de traballar na casa é a conciliación, permite estar máis coa familia e dispor doutras actividades persoais”.


CUESTIÓNS EN CONTRA

A relación entre a persoa e a casa como lugar de traballo tampouco queda exenta de elementos que poden contrariar o desenvolvemento laboral. “As distraccións son maiores, non estás nun ambiente de traballo pode facer que desaproveites moito o tempo” di Julio, que tamén apunta outro, para el, grande problema “xuntar o espazo de traballo co espazo propio, tés que buscar un espazo específico para o traballo e que non sexa o de descanso”. O que apunta é chegar ao momento de confundir os tempos, o de traballo e o de lecer e iso para el pode resultar “nocivo”.

Outra cuestión que apuntan as persoas que consultou Galicia Confidencial é que a libre disposición dos horarios pode limitar as horas para traballar. “En moitos teletraballos os festivos, vacacións, festivos etc, non computan ao seren a maioría traballos por proxectos”. De aí que se apunte a necesidade de días para desconectar como son as fins de semana. Outro punto é a grande irregularidade deste tipo de traballos por proxectos, así non se é consciente de canto tempo se vai estar sobre a túa encarga”.

Samuel Solleiro apunta unha particularidade como “ é a soidade, o feito de verte só. Se o traballo é moi intenso non o sentes porque te concentras, pero se ese traballo non é tan intenso, pois non hai quen te vexa ou non hai ninguén diante de quen responder”, é dicir, non hai quen  estea recordando os prazos de entrega ou os hoarios. “A soidade desde un punto de vista laboral, con falta de horarios así que tes que impoñerte unha xornada de seis ou sete horas, senón podes estar doce, iso é algo que agora mesmo teño controlado”.

Diego Ameixeiras apunta como razóns ou puntos negativos a “dispersión, a falta de desconexión e o illamento”. Cando lle preguntan sobre o illamento a resposta é que “creo que nos están convertendo en explotadores de nós mesmos e que a tendencia vai cara ese fomento da autoesixencia constante e o illamento”.

Con todas as anteriores declaracións coincide Carlos Montes que di “a desvantaxe principal é o aillamento social, pensa que a maioría de nós traballamos en organizacións que están integradas por máis persoas”, isto ten algo que moitas veces esquecemos “o contacto humano, o contacto social pero o teletraballo non ten este contacto, pero tamén é certa a necesidade de ter grande capacidade de organización pois é moi difícil traballar desde a casa porque ao estaren desdebuxados os límites da realidade laboral e persoal”.

Isto último non significa unha merma no traballo porque “se todo está ben definido e acoutado temporalmente, o rendemento pode ser superior ao que se tería nunha empresa porque hai menos ladróns de tempo, reunións de corredor, chamadas inesperadas, etc.” di Carlos Montes. Non obstante, se a cuestión é traballar por rendemento “aí moitas veces non sabemos marcar unha xornada laboral, non poñemos límites ás horas de traballo”.

“Hai unha compoñente desmobilizadora dos prosibles movementos obreiros porque é máis difícil facer piña, non teñen relación e contacto entre eles” di Julio, “cando o único contacto directo que té é cos xefes o que consegues é rematar coas posibles solidariedades”. “A tendencia vai cara un traballo que rompe a vella separación lecer-xornada laboral” di Ameixeiras.

O teletraballo ou o traballo online desde a túa casa era unha tendencia considerada rompedora hai só uns anos. Non obstante, o risco de confundir o teu fogar cun lugar de traballo sen reparar nas persoas que conviven contigo, horarios irregulares e maratonianos, poden convertelo nunha experiencia pouco edificante. O mellor é ter conciencia de como xestionar os tempos que investiremos no que é o traballo en si e o tempo que lle daremos a outras actividades. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta