O comité de Alcoa-Coruña dará "a batalla" dentro da comisión negociadora para garantir o emprego

O presidente do comité de empresa di que o obxectivo é salvar o 100% dos postos de traballo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/11/2018 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, manifestou que darán "a batalla" para garantir a continuidade do emprego na comisión negociadora despois de que a empresa non aceptase a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que propuxeran os representantes sindicais da planta coruñesa.

Reunión polo conflito do peche de Alcoa na Coruña. M. Dylan / Europa Press / Europa Press
Reunión polo conflito do peche de Alcoa na Coruña. M. Dylan / Europa Press / Europa Press

En declaracións aos xornalistas, após unha nova protesta dos traballadores --nesta ocasión ante a Delegación do Goberno en Galicia--, o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho, admitiu que esgotaron a vía fóra da constitución dunha mesa negociadora e que, por ese motivo, este martes acudirán á reunión en Madrid, fixada para as 15,00 horas.

"Para defendernos dentro do que é o proceso", dixo sobre a constitución dunha comisión negociadora do expediente de regulación de emprego (ERE) e despois de que, até o momento, o comité da Coruña se negase a asistir ás reunións á espera de que prosperasen as súas denuncias ante organismos como a Dirección Xeral de Traballo ou os xulgados holandeses, ditame que neste último caso non se coñecerá até o 3 de decembro.

Corbacho admitiu que os recursos que dá a lei "son poucos" e que o seu obxectivo será nas negociacións coa empresa defender "a continuidade da planta e tratar de salvar o 100% do emprego"."Se alguén pensaba que non ía ter batalla connosco, equivócase", advertiu. Na mesma liña, insistiu en que "aguantarán até o final" para "gañar esta loita".

E, aínda que a empresa rexeita que o ámbito de discusión sobre o ERE sexa autonómico, o presidente do comité da Coruña afirmou que seguirán defendendo esta proposta "até o final", pero agora na comisión negociadora, unha vez que se constitúa, e co obxectivo de "aprazar" os prazos sobre a aplicación do ERE extintivo.

LOSADA APELA AO "DIÁLOGO"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apelou, antes dunha reunión cos representantes sindicais, ao "diálogo" para buscar unha solución "para a actividade industrial, para o acordo social e para o mantemento do emprego".

Losada recoñeceu que a reforma laboral "limita moito as posibilidades que podería ter o ERE" se se presentase "cunha lexislación anterior" á reforma vixente. "Pero é a que temos", recalcou. Neste contexto, pediu ao multinacional "tempo" para conseguir acordos e valorar "todas as posibilidades", asegurou tamén en alusión á procura de investidores.

PROTESTA DE TRABALLADORES

Tanto o presidente do comité de empresa como o delegado do Goberno realizaron estas manifestacións após unha nova protesta convocada polos traballadores da Coruña, neste caso unha concentración ante a Delegación do Goberno que congregou a case medio milleiro de persoas.

Os traballadores, que cortaron o tráfico durante un cuarto de hora á altura da praza de Ourense, portaron un ferétro coas palabras 'aluminio galego'. Un dos traballadores levaba unha careta de Mariano Rajoy cun cartel no que se podía ler 'cando eu mandaba, a industria arranxaba'.

Coas súas habituais camisetas laranxas coa lema 'Enerxía solución', os participantes exhibiron unhas letras coa que conformaron a palabra 'Peche non'. Tamén lanzaron bengalas e botes de fume, á vez que corearon proclamas como 'yankees, cuadrilla de mangantes' ou 'Alcoa non se pecha'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta