Reanudada a circulación ferroviaria en Ribadavia, afectada polo incendio dunha locomotora

Un lume nun dos vehículos que viaxaba dende Ourense a Vigo obrigara a paralizar o servizo.

Por E.P. | OURENSE | 27/11/2018 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

Sobre as 11,30 horas deste martes quedou restablecida a circulación ferroviaria da liña Ourense-Vigo, interrompida á primeira hora ao seu paso por Ribadavia (Ourense) por mor dun incendio rexistrado nunha locomotora que circulaba de forma independente para ser reparada.

Segundo a información do CIAE 112-Galicia, foi o persoal de Adif o que deu a voz de alarma ao redor das 7,30 horas, indicando que se rexistrara un incendio no quilómetro 74,3 da liña Ourense-Vigo, concretamente no tramo Ribadavia-Filgueira. Inicialmente, os servizos de emerxencias consideraron que resultaran afectadas dúas locomotoras, pero desde Renfe confirmaron que ardeu un único vehículo.

Até a zona desprazáronse tras a alerta efectivos dos Bombeiros do Carballiño e do GES de Ribadavia para extinguir as chamas. Tamén foi avisada a Garda Civil e o 061, aínda que finalmente non houbo persoas afectadas.

A locomotora causante da incidencia circulaba á primeira hora illada cara a un taller de reparación cando sufriu unha avaría e ardeu, segundo confirmaron a Europa Press fontes de Renfe.

Para os labores de extinción foi necesario cortar a electricidade das vías férreas e a circulación de trens neste punto, polo que Adif estableceu un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros afectados.

Pola súa banda, o vehículo afectado foi remolcado até a estación de Ribadavia co obxectivo de liberar a vía, que é única. Tras a inspección da catenaria e a limpeza, Adif confirmou que a circulación se restableceu sobre as 11,30 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta