CSIF acusa a Feijóo de aumentar os nomeamentos a dedo na Xunta un 35%

Asegura que, desta forma, o Goberno galego incumpre o compromiso adquirido no 2015 de rematar coa discrecionalidade no nomeamento de cargos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2018 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O Centro Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) culpa á Xunta de incumprir a súa promesa de poñer fin á discrecionalidade no nomeamento de xefaturas de servizos. Asegura que os postos nomeados a dedo aumentaron un 38,5% a pesar de que no 2015 se comprometeran a reducir esta práctica. 

José Brunete, secretario de acción sindical do CSIF Galicia, á dereita
José Brunete, secretario de acción sindical do CSIF Galicia, á dereita

En marzo do 2015, o Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, recoñecía que "os cidadáns non entenden que os postos técnicos vaian elixidos por libre designación ou por antigüidade". Afirmou entón que, coa nova Lei de Emprego, os 500 xefes de servizo da Administración xeral serían seleccionados mediante concurso específico por procedemento público.

Tres anos despois, o CSIF sinala que xa non só son 500 xefaturas as que dependen da Consellería de Facenda, senón que este número se incrementou ata os 897; é dicir, un 79,4%. Destes 897 cargos, "344 manteñen a súa forma de provisión polo sistema discrecional de libre designación", por ser considerados de "especial responsabilidade ou cualificación". Con todo, quéixanse de que a Xunta se negue a aclarar esta condición que afecta a eses cargos e, a modo de exemplo, destacan o caso de Medio Rural. Nesta Consellería, "a situación é tal que o 100% dos xefes de servizos son nomeados a dedo".

Ademais, o CSIF explica que o feito de que se impida a presenza sindical nas comisións de valoración para a adxudicación de postos por concurso público, implicará que "na práctica, a totalidade de xefaturas de servizo seguirán adxudicándose de maneira discrecional". Unhas seguirán cubríndose mediante o método da libre designación, din, e outras serán asignadas logo dunha valoración "subxectiva" e "a porta fechada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta