O comité da Coruña de Alcoa cre que a "súa resistencia" deu froitos

Agardan convencer á empresa norteamericana para que non peche a fábrica aínda que un xulgado holandés desestimou a súa demanda. Os traballadores insisten en que se "vulneraron" os seus dereitos co ERE.

Por E.P. | A CORUÑA | 28/11/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña confía en "demostrar" nas negociacións coa empresa que non hai motivos para o peche, segundo manifestou tras constituírse este martes en Madrid a mesa negociadora.

Comité de Alcoa antes de reunión en Madrid. COMITÉ DE ALCOA EN A CORUÑA
Comité de Alcoa antes de reunión en Madrid. COMITÉ DE ALCOA EN A CORUÑA | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, valora o acordo alcanzado coa multinacional --nunha reunión en Madrid coa presenza tamén do comité de Avilés-- para ampliar a duración do período de consultas de negociación do ERE 30 días máis. Así mesmo, destaca que Alcoa aceptase "o compromiso por escrito" de participar "activamente" na mesa técnica estatal para buscar alternativas de venda das plantas.

Por outra banda, informa da decisión desestimatoria da denuncia que presentou o comité europeo da multinacional ante un xulgado de Rotterdam (Holanda) por suposta vulneración de dereitos coa presentación do ERE por non existir, ante este comité, un período de información e consultas previo.

Desta decisión, o comité da planta coruñesa afirma que seguen pensando que se "vulneraron os dereitos do comité europeo", pero engade que agora os seus avogados valorarán o fallo para decidir "o seguinte paso legal".

"GAÑAR TEMPO"

En canto ao abordado na reunión para constituír a mesa negociadora --os representantes sindicais da Coruña non participaran até agora en ningún encontro coa empresa desde que se anunciou o peche á espera de que prosperasen as súas denuncias ante organismos como o Ministerio de Traballo ou o xulgado holandés-- subliña, principalmente, que se logrou "gañar tempo e empezar de novo".

Na mesma liña, remarca a posibilidade de que se amplíe até o 15 de xaneiro o período de consultas, algo ao que a multinacional se mostrou disposta no caso de que se teñan dado "suficientes avances nas negociacións e se considere necesario para o acordo".

No encontro, a empresa reiterou, ademais, a súa disposición a escoitar e valorar propostas de posibles partes interesadas nas fábricas que presenten unha proposta "sólida e viable e respectuosa cos traballadores".

Tras constituírse a mesa negociadora, o comité da Coruña insiste en que o importante é que "a resistencia deu froitos", en alusión ás súas mobilizacións e denuncias, e engade que agora toca "buscar a continuidade das fábricas e manter o emprego", en alusión aos case 700 empregos en perigo entre a planta coruñesa e a de Avilés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anton.

Parabéns.En especial para CORBACHO que sendo dun sindicato español actua en clave GALEGA.que tomen boa nota os comites e sindicatos sobor de todo a CIG.