Temas: PIB

A economía galega sobe un 2,6% no terceiro trimestre

Deste xeito continúa a sua desaceleración con respecto ao pasado ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2018 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

O produto interior bruto (PIB) de Galicia subiu un 2,6% no terceiro trimestre respecto ao mesmo período do ano anterior, co que continúa a súa desaceleración, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Billetes. EUROPA PRESS - Archivo
Billetes. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

E é que no primeiro trimestre de 2018 creceu un 3,1% anual e no segundo trimestre a alza foi do 2,9%. Mentres, en 2017 anotouse taxas de crecemento de até un 3,2%.En variación trimestral, no terceiro trimestre de 2018 respecto ao segundo, a economía galega experimentou o mesmo avance que no trimestre anterior, do 0,6%.

En evolución anual, o aumento galego é unha décima maior ao do conxunto estatal, onde o PIB creceu un 2,5%, de acordo coas cifras avanzadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

DEMANDA INTERNA E EXPORTACIÓNS

Pola súa banda, as contas económicas trimestrais de Galicia do IGE reflicten que o crecemento da economía galega entre xullo e setembro sostívose no incremento da demanda interna, que avanzou un 2,7%, e no comportamento das exportacións de bens e servizos, que repuntaron un 3,7%.

Mediante unha nota de prensa, a Consellería de Facenda da Xunta reivindica que os datos do IGE "constatan que a economía galega segue crecendo con forza grazas á demanda interna e ao bo comportamento das exportacións".

Ademais, no terceiro trimestre repuntou a formación bruta de capital (un 6,9% anual e un 1,2% trimestral), un indicador, que, segundo lembra o departamento de Valeriano Martínez, é "relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no ámbito empresarial".

Ao lado da oferta, todos os sectores da economía galega proseguen en positivo, tanto na industria (+3,1% anual), como a construción (+6,9%) e os servizos (+2,3%). O menor incremento rexistrouse no sector primario, cunha alza do 0,3%.

MÁIS DE 16.000 POSTOS DE TRABALLO

Pola súa banda, Facenda, a través do comunicado, traslada que "a recuperación económica continúa trasladándose ao mercado laboral, cun incremento do 1,6% nos postos de traballo equivalentes a tempo completo", o que permitiu crear máis de 16.000 empregos durante o último ano.

No entanto, no terceiro trimestre, as variacións foron desiguais por sectores en termos de emprego, e así, por exemplo, o sector primario anotouse un descenso do 5,3%. Nos servizos, as actividades financeiras e de seguros tamén baixaron en postos de traballo, un 2,1%, e as artísticas e recreativas descenderon un 1,1%.

Temas: PIB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta