A Xunta renovará máis de 1.500 concesións de bus

O Goberno galego aproba as liñas xerais do novo plan de transporte por estrada, que incluirá "novidades" como a reformulación das tarifas e gratuidade das viaxes para menores de 19 ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2018 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este xoves as liñas xerais do novo plan de transporte por estrada, que renovará máis de 1.500 concesións e reformulará "boa parte" de 30.000 paradas de autobús en Galicia, ademais de introducir "novidades" como a reformulación das tarifas e a gratuidade das viaxes para menores de 19 anos, agás nos tramos urbanos, que depende dos municipios.

Autobús
Autobús | Fonte: Glen Wallace wikimedia

Ao termo do Consello da Xunta, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, proclamou que este é "o momento de reinventar as concesións e articular un modelo que se adapte aos núcleos de poboación galegos e aos seus costumes". Así, esgrimiu que "a modificación" á que se someterá o mapa do transporte autonómico é "a máis importante desde que hai Xunta".

Feijóo avanzou que o contrato do plan será licitado por uns 60 millóns de euros e concretou que, no principio do ano, se someterá a información pública o novo mapa das líñas, co obxectivo de que empecen a funcionar a finais de 2019. Destacou o diálogo cos distintos axentes implicados, incluídos os concellos —agás "dun que non quixo"—, en referencia a Vigo, aínda que non o mencionou de forma expresa.

Ao tempo, resumiu as principais novidades que incorporar o plan, que inclúen as viaxes gratis para os mozos menores de 19 anos no conxunto de Galicia ao considerar que, até agora, había "un agravio comparativo". "Parécenos inxusto que nas zonas con transporte metropolitano o sexa e noutras non", explicou.

Tamén avanzou un sistema de "prezos homoxéneos" para as tarifas, que pasarán a ser "calculadas" en función da distancia directa entre as localidades que conecten e non dos quilómetros que realice o autobús entre o punto de saída e o de chegada. Ao seu xuízo, este paso constitúe "unha revolución desde o punto de vista das tarifas".

Entre outras cuestións, Feijóo tamén ratificou que se terá en conta para as concesións a renovación da frota de autobuses, e que estes usen combustibles menos contaminantes; poranse "máis liñas a disposición do rural" e atenderase "de forma específica" as rutas máis transitadas nos Camiños de Santiago.

Do mesmo xeito, ampliarase a modalidade de transporte compartido até o 50 por cento das rutas escolares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta