A presidenta de Adif asegura a chegada do AVE a Galicia en 2019

Avanza que Ourense e Madrid estarán conectadas en dúas horas e 15 minutos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2018 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, asegurou este xoves en Ourense que a chegada da liña de alta velocidade a Galicia "non se pode cuestionar", xa que é un proxecto "viable" en canto a "recursos económicos" e "dispoñibilidade de medios", polo que non hai motivos para que o proceso se paralice e non cumprir o prazo de 2019.

Tren AVE nunha imaxe de arquivo
Tren AVE nunha imaxe de arquivo

Así o anunciou durante a súa intervención no Foro La Región sobre o desenvolvemento da obra do AVE e o seu impacto socioeconómico, cuxa presentación foi realizada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen destacou que Pardo de Vera é unha "eficiente enxeñeira".

"Ten unha solución para cada problema e foi clave para desbloquear 17 tramos do AVE en Galicia e para ter un cronograma viable para que os trens en proba estean a circular en Galicia en 2019. O Goberno galego está tranquilo de que Adif estea nas súas mans e se cumpran eses prazos. Dela é gran parte do mérito da chegada do AVE a Galicia", destacou a conselleira.

Así as cousas, Pardo de Vera puxo en valor o "enorme esforzo feito e por facer" por parte da entidade pública que preside para conseguir a chegada da alta velocidade, materia na que se investiron "máis de 3.841 millóns de euros" —espérase que a cifra alcance os 4.300 millóns de euros— , e cuxa única limitación actual é a "complexidade das obras".

Así mesmo, a responsable de Adif concretou que os prazos de finalización das obras "mantéñense", polo que se espera concluír o tramo Zamora-Pedralba a finais de 2018 e en 2019 o de Pedralba-Taboadela-Ourense.

"Atopámonos nun período de intensa actividade produtiva. No corredor noroeste, actúase en 227 quilómetros entre Ourense e Zamora para completar as obras da liña en 2019", destacou Isabel Pardo de Vera.

DINAMIZACIÓN DE GALICIA

A presidenta de Adif avanzou que a chegada da alta velocidade "dinamizará" Galicia e "xerará oportunidade de desenvolvemento social e económico sen precedentes para Galicia", ademais de "favorecer a cohesión territorial" do conxunto do país, a través dun medio de transporte que será "eficiente", "sustentable" no apartado ambiental e "con altos estándares de calidade, velocidade e confort".

Ademais, Isabel Pardo de Vera destacou a "complicadísima orografía" da zona de execución das obras da AVE, cuxa liña "destaca polo elevado número de túneles, viadutos e grandes estruturas".

"Debemos sentirnos moi orgullosos da excelente capacidade técnica de Adif, das empresas de enxeñaría e dos colectivos profesionais; será unha liña punteira á vangarda do sector ferroviario", engadiu.

DE MADRID A GALICIA EN DÚAS HORAS E CUARTO

A presidenta de Adif anunciou que, coa entrada en servizo do tramo Zamora-Pedralba, Madrid estará a tres horas e media de Ourense, a catro horas e 14 minutos de Santiago, a catro horas e 50 minutos da Coruña, a cinco horas e seis minutos de Vigo e a catro horas e 50 minutos de Pontevedra.

Con todo, avanzou que, coa posta en servizo íntegra da liña e "considerando que se incorporan os trens de rodaxe desplazable", os cales "están en fabricación", as distancias reduciranse até conseguir que Ourense e Madrid estean conectadas en dúas horas e 15 minutos.

Así, concretou que a capital estatal estará a dúas horas e cincuenta minutos de Santiago, a tres horas e 25 minutos da Coruña, a tres horas e 20 minutos de Vigo e a tres horas e 10 minutos de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta