Noriega posiciónase a prol de Bruzos e critica a Villares por empregar "dinámicas de vella política" en campaña

O alcalde de Santiago posiciónase publicamente por unha candidatura para o Consello das Mareas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2018 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, arroupou á candidatura que encabeza David Bruzos ao Consello das Mareas nun acto celebrado en Santiago de Compostela, onde lamentou que a dirección de Luís Villares publicase en plena campaña que determinados deputados non cumpren coas súas obrigas económicas co partido polo que foron electos.

Martiño Noriega E David Bruzos
Martiño Noriega E David Bruzos | Fonte: Europa Press

"Non esperaba determinadas dinámicas de vella política na campaña de En Marea. Paréceme que este tipo de filtracións o que pretenden é agudizar contradicións do espazo que si que existen no canto de positivizar o que nos une, que é moito máis que o que nos separa", sinalou Noriega.

O alcade de Compostela destacou o "carácter integrador" de Bruzos e a súa candidatura, apoiada polo propio rexedor e Compostela Aberta, marea municipalista que iniciou os movementos que derivaron na creación desta lista, apoiada polo resto de mareas das cidades e os partidos Anova, EU e Podemos.

"El (Bruzos) quere construír mandando unha mensaxe de que aquí non sobra ninguén", apuntou, para logo facer fincapé en que a lista 'Entre todas' "xa está a xestionar o día despois" do proceso. Ademais, reivindica que a candidatura que Bruzos encabeza non pon sobre a mesa "un debate nominal, nin está a pór en cuestión liderados tan marcados como o que poida ter Luís (Villares)".

"CÚPULAS"

Así mesmo, rexeita a visión que traslada a candidatura que lidera o actual portavoz, Villares, que asegura que o triunfo de 'Entre Todas' suporía entregar En Marea ás "cúpulas" dos partidos e, por tanto, traizoar a configuración do partido instrumental como espazo de adscrición individual.

"Pódese construír un espazo como En Marea sen corresponsabilizar aos que participan nela desde o principio? Podemos prescindir de todo ese capital político? Eu creo que non, non podemos prescindir diso, aquí non sobra ninguén", resolveu.

Martiño Noriega e David Bruzos participaron na tarde noite deste xoves nun acto celebrado nun establecemento hostaleiro da Praza da Quintana, até onde se desprazaron outros membros do espazo político, como o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, a concelleira compostelá Branca Novoneyra ou a deputada no Parlamento Luca Chao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Salgueiro

Poida ser que Luis Villares fixera mal. Pero o que dixo foi unha carga de profundidade moi pesada. O que dixo, quere dicer, ao meu entender, que os que non pagan son "vividores" que nunca creron en EN MAREA. E daí que non pagaran. Utilizaron e están a utilizar as "bases adolescentes, moitos deles" para os seus fins persoais e partidiarios de IU e de Podemos Madrid. Nada novo baixo o sol. Villares, non te conhezo, non sei se és honrado ou non. Si actuaches ben ou non. Pero a carga de profundidade foi moi, pero que moi grande.

1 Salgueiro

Depois desta reflexión? É Villares un anovador sincero? Mentres que os da ANOVA tamén se subiron ao carro dos "honestamente deshonestos" en prol dunha "estratexia" que ninguén sabe cal é, pero podes imaxinala...? Unha pensamento así como os das casas cuartel da Garda Civil: Todo por la patria.

1 Ensina a nómina

Este non era de Anova, a organización que decidiu que só se podían cobrar 1000 euros?