Antón Sánchez pide "aproveitar o horizonte que se abre" coa posible inclusión de Vigo-Porto no corredor Atlántico

O viceportavoz parlamentario de En Marea trasladou que a súa formación urxe actuacións de Xunta e Goberno central para a conexión ferroviaria dos portos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2018 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

En Marea reclama "aproveitar o horizonte que se abre" coa eventual inclusión da conexión en tren entre Vigo e Porto no corredor Atlántico. Ademais, pide actuacións "inmediatas" de Xunta e Goberno central para acompañar este feito, como a conexión ferroviaria dos portos e unha política coordinada neste ámbito.

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez. REMITIDA
O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez. REMITIDA | Fonte: Europa Press

O viceportavoz da formación, Antón Sánchez, chama a atención sobre a "boa noticia" que se produciu no Parlamento europeo o pasado día 22, pola aprobación dentro da comisión de transportes da inclusión da conexión na rede básica do corredor. Esta liña está agora mesmo fose do corredor Atlántico, como lembrou a Comisión Europea nunha resposta ao Eixo Atlántico. Con todo, o visto e prace en comisión "abre" ese "horizonte" de inclusión.

Sánchez espera que esa incorporación "veña acompañada de actuacións urxentes" do Executivo autonómico "en coordinación" co central. "Aínda que até agora a Xunta estivo ausente neste asunto, agora debe aproveitar o horizonte que se abre na vertebración das relacións entre Galicia e Portugal", subliña o viceportavoz de En Marea. Valora ademais "a oportunidade que suporá" ao acceder a liñas de financiamento e engade que a inclusión debe "vir acompañada de accións concretas dos gobernos galego e español para propor un plan estratéxico de actuacións para aproveitala".

CONEXIÓN CO SUR

Neste sentido, márcase "obxectivos como a imprescindible conexión ferroviaria dos portos galegos, que xunto cunha política portuaria coordinada incrementará a súa competitividade, a modernización da conexión de Galicia e Portugal e o desenvolvemento global do eixo atlántico".

Isto, augura, "abrirá oportunidades até agora impracticables para Galicia de conexión co sur da Península sen a obrigatoriedade de pasar por Madrid, abandonando un modelo radial ineficiente para as prioridades e a situación propia do noso país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ogallá fose certo... o malo é o Secretario Vitalicio no Eixo Atlántico !!! https://es.wikipedia.org/wiki/Puent...