O movemento Acampa da Coruña cruza fronteiras e terá unha edición en Brasil

Sao Paula será o escenario elixido para montar a primeira Acampa de fala portuguesa.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/12/2018 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Apenas dous anos despois da súa estrea na Coruña, a iniciativa desenvolvida polo movemento Acampa consegue expandirse a América e mesmo África, grazas ao proxecto que o Laboratorio de Educación e Política Ambiental e outras organizacións da cidade de Piracicaba, en Brasil, están a organizar este 2019 nos principais países de lingua portuguesa

Esta cidade brasileira, situada a 150 quilómetros de Sao Paulo e cunha poboación semellante á da propia área metropolitana coruñesa, está confirmada como unha das sedes do que se converterá na primeira Acampa Brasil ou a primeira luso-falante. Segundo informan desde Acampa Coruña, o seu impulsor, o experto en educación ambiental, Marcos Sorrentino, profesor e responsable do Laboratorio de Educación e Política Ambiental (método Oca) da Universidade de Sao Paulo, está á procura dunha edición simultánea de Acampa 2019 noutras cidades, incluída a capital, Brasilia, contando asemade coa implicación doutros países de lingua portuguesa: Portugal, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e Santo Tomé e Príncipe.

“Aínda que sexa de pequenas dimensións, Acampa Brasil vai ser. Con toda certeza”. Así de rotundamente se expresa este exalto cargo do Ministerio de Medio Ambiente da Administración Lula, quen leva meses preparando esa caste de externalización da iniciativa coruñesa nacida en 2017. Incluso –di Sorrentino- van á bo ritmo as conversas para acadar este 2019 unha celebración simultánea de Acampa nos máis países luso-falantes posible. A vindeira cita encamiñada a esa imprescindible suma de sinerxías –anuncia o profesor de Sao Paulo- será en Guinea-Bissau, no Congreso Lusófono Galego previsto para abril. A última foi en Leiria, Portugal, hai quince días.

POR QUE EN BRASIL?

Marcos Sorrentino e a súa colega do Laboratorio de Educación e Política Ambiental, Simone Portugal, estiveron este verán en Acampa pola paz e o dereito a refuxio como convidados. Viñeron falar do labor que desenvolven no Movemento dos Traballadores Rurais Sen Terra en Brasil e, por extensión, da educación popular. “Este verán na Coruña puidemos comprobar a converxencia entre a filosofía do movemento Acampa e as nosas áreas de actuación, centradas na loita pola terra e a xustiza social”, lembra.

Acampa pola paz e o dereito a refuxio é unha rede en constante movemento na defensa dos Dereitos Humanos. Así, convoca cada ano un encontro de tres días para afondar nas causas daqueles acontecementos ao redor dos que xira o evento e contrastar tamén a información que achegan nese eido específico os medios de comunicación. É polo que Acampa trae á cidade exposicións fotográficas nacionais e internacionais e fai unha reconstrución dun campo de persoas refuxiadas. Alén diso, tamén elabora conferencias e mesas de debate con responsables de colectivos que coñecen de primeira man esas realidades. Ofrece asemade obradoiros para distintas idades e actividades lúdicas e interactivas de sensibilización social. Todo, de balde.

Movemento Acampa, na Coruña
Movemento Acampa, na Coruña | Fonte: acampa.eu

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta