A Xunta destaca que Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro respecto do ano pasado

O Goberno galego reivindica que os datos se comportan "mellor" que nos últimos anos en novembro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2018 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou este martes os datos do paro rexistrado e incidiu na "boa evolución" do desemprego en Galicia. Malia a suba no mes de novembro, focalízase na variación anual e interpreta os resultados como un reflexo da "estabilidade" da comunidade. 

Covadonga Toca. EUROPA PRESS - Archivo
Covadonga Toca. EUROPA PRESS - Archivo

A pesar de que experimenta unha leve subida intermensual do 0,37% (625 desempregados máis), destacou que conta con 16.806 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do 8,98%, superando en case un punto o descenso conseguido en novembro de 2017. En palabras de Toca, estes datos reflicten que a Comunidade galega conta "con estabilidade, o que se traduce en máis e mellores empregos".

En concreto, subliñou que Galicia "se sitúa como a segunda comunidade na que máis baixa o paro" na evolución anual superando, ademais, o ritmo de baixada da media estatal "en máis de dous puntos e medio de diferenza". En España, a caída no número de persoas sen emprego sitúase no -6,37%.

A secretaria xeral incidiu en que "son xa cinco anos de baixadas consecutivas" do paro, desde novembro de 2013, con niveis de desemprego "inferiores ao dato de 2008", o ano de inicio da crise.

Así, remarcou que é preciso "seguir traballando na mesma dirección" e "impulsando un crecemento económico sustentable" con políticas activas de emprego centradas en "unha formación axustada ás necesidades do emprego que vén".

AFILIACIÓNS E CONTRATACIÓN

A xuízo do Executivo autonómico, as cifras tamén experimentan "unha boa evolución" nas afiliacións e na contratación. A secretaria xeral remarcou que Galicia "leva seis meses rexistrando máis dun millón de afiliacións, desde xuño pasado".

"Con respecto a hai un ano, as cotizacións subiron nun 2,09%, o que supón 20.714 novas afiliacións. É a maior subida desde 2007 e son xa máis de catro anos e medio de incrementos consecutivos nas afiliacións, desde abril de 2014.

Con respecto á contratación, apunta que "no último ano, subiu en xeral nun 5,5%, crecendo a indefinida e a tempo completo". A Xunta incide en que os contratos indefinidos aumentaron un 20,94%, "quintuplicando o aumento da contratación temporal", mentres que os de tempo completo aumentaron un 5,04%, "superando en dous puntos o incremento da parcial".

Con respecto ao Estado, os contratos increméntanse en xeral máis en Galicia "cun diferencial de 2,81 puntos" e a subida nos indefinidos tamén é maior en Galicia que en España en 5,2 puntos.

O desemprego, ademais, tamén baixou na evolución anual nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos (-11,91%); parados de longa duración (-11,05%); e mulleres (-8,01%). Do mesmo xeito, nesta mesma taxa, descendeu no catro provincias galegas e sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade liderando a caída a construción (-17,72%), seguido da industria (-12,01%), dos servizos (-7,26%) e da agricultura e a pesca (-6,1%).

"MELLOR COMPORTAMENTO" EN NOVEMBRO

En canto á evolución mensual, a Xunta admite que o paro se incrementa en novembro un 0,37% con respecto a outubro, pero subliña que se trata "do segundo menor incremento de toda a serie histórica". Deste xeito, os datos compórtanse "mellor que nos últimos anos" en novembro.

Así mesmo, destaca que, pese ao aumento rexistrado este mes, o desemprego "baixou na industria, principalmente en actividades vinculadas á alimentación, fabricación de produtos farmacéuticos e o TIC".

VISITA A INTERA

A secretaria xeral de Emprego valorou os datos do paro de novembro nunha visita á empresa Intera, unha compañía de base tecnolóxica (IEBT) que colabora co Laboratorio de Análise de Radiacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que busca ofrecer as mellores solucións para a mitigación do gas radón. O obxectivo é facilitar a transferencia dos resultados das investigacións á sociedade e ao tecido produtivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta