Fiscalía demanda a Audasa por cobrar a peaxe íntegra da AP-9 pese as obras de Rande

Pide que se indemnice polo dobre do importe da peaxe a "tódolos usuarios, condutores ou pasaxeiros" que sufriron demoras de máis de dez minutos polas obras.

Por E.P. | VIGO | 04/12/2018 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Pontevedra presentou no xulgado do Mercantil desta cidade unha demanda de xuízo ordinario contra a concesionaria da AP-9, Audasa, en exercicio de acción colectiva de cesación en defensa dos consumidores e usuarios, polo que considera prácticas "abusivas" da empresa, que cobrou as peaxes íntegras pese ao deficiente servizo que estaba a prestar durante "polo menos tres anos", que duraron as obras de ampliación do vial na contorna da ponte de Rande.

Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo
Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

O ministerio público lembra que, neste período, o tráfico na ponte viuse "permanentemente afectado", cos consecuentes prexuízos aos usuarios, que perderon tempo nos seus desprazamentos e víronse atrapados en colapsos en numerosas ocasións. "Todos os usuarios víronse afectados, en canto recibiron un servizo da autoestrada con insuficientes condicións de fluidez e seguridade", apostilou o Fiscal.

Así, entende que a concesionaria cobrou unhas peaxes por uns servizos deficientes e ve "abusiva" a práctica de cobrar a taxa íntegra, a mesma que se a autoestrada tivese unhas condicións normais de circulación.

Por iso, reclama que se dite sentenza na que se declare a nulidade dese cobro e se inste a Audasa a cesar en dita práctica en diante, "en calquera autoestrada que xestione en España", elaborando un criterio de eliminación do prezo da peaxe nos casos de insuficiente fluidez do tráfico.

Por outra banda, a Fiscalía tamén solicita que se condene á empresa a reintegrar eses importes (os que foron cobrados entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018) aos usuarios que acrediten ser afectados; e que se indemnice polo dobre do importe da peaxe a "tódolos usuarios, condutores ou pasaxeiros", que acrediten atoparse nalgún dos atascos que implicaron retencións de máis de 10 minutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta