Premian a divulgación da situación laboral das persoas con discapacidade

A asociación Cegasal convoca a terceira edición dos Premios á Mellor Información sobre Economía Social. Haberá dous galardóns de 1.500 euros para medios de comunicación e valorarase que se difunda o traballo desenvolvido polos centros sociais de emprego da asociación

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/12/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Xa que este 3 de decembro se celebrou o Día Mundial das Persoas con Discapacidade, Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) convocou a terceira edición dos seus Premios á Mellor Información sobre Economía Social. O concurso premiará contidos que lle dean visibilidade ás persoas con discapacidade en idade laboral e mais ao traballo desenvolvido polos centros sociais de emprego da asociación neste sentido.

Este premio está orientado aos medios de comunicación
Este premio está orientado aos medios de comunicación | Fonte: prnoticias.com

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) colabora con este concurso dende a súa primeira edición. Desta volta, contémplanse dous galardóns, dotados con 1.500 euros en cada caso. Por un lado, hai unha categoría na que poderán participar xornais, dixitais e revistas e, por outra banda, haberá un premio específico para radio e televisión. 

Dende a organización, coidan que o papel dos medios de comunicación neste labor de divulgación é fundamental e "moi necesario", dado á alta porcentaxe de persoas con discapacidade en idade laboral que non teñen traballo (un 74%). "É responsabilidade de todos acabar co reparo que xera nas empresas a contratación destas persoas", afirman. Deste xeito, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, apunta á importancia da colaboración dos xornalistas para dar a coñecer esta realidade.

Desde os centros especiais de emprego apostan porque a discapacidade, "ou as capacidades diferentes", non sexan un impedimento para o pleno desenvolvemento destas persoas tamén no ámbito laboral.

SOBRE O PREMIO 

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social, certame no que colabora desde a súa primeira edición o CPXG,  poden consultarse nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas e da Asociación Cegasal.

Poden optar aos galardóns os traballos publicados e/ou emitidos desde o peche da anterior edición, o 30 de abril de 2018, até o día 15 de marzo de 2019. O prazo de recepción dos mesmos pecharase o vindeiro 15 de marzo de 2019 e o gañador será anunciado na primeira quincena de abril. O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os traballos deberán enviarse, vía mail, ao seguinte enderezo: cegasalcomunicacion@gmail.com, e a información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor.

Coincidindo coa concesión dos Premios Xornalísticos, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro tamén fará entrega dos galardóns á Administración (local e autonómica) e empresa máis colaboradoras coa economía social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta