A Xunta sobre o peche da instrución do caso do Alvia: "É unha boa noticia"

O xuíz só mantén como imputados ao maquinista, Francisco José Garzón, e ao director de Seguridade na Circulación de Adif cando entrou en funcionamento a liña, Andrés Cortabitarte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2018 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este martes que o peche da instrución do caso do accidente ferroviario do Alvia rexistrado o 24 de xullo de 2013 en Angrois supón "unha boa noticia", xa que é o primeiro paso para que poida empezar o xuízo e que se determinen as responsabilidades correspondentes.

Accidente do Alvia en Angrois. Europa Press
Accidente do Alvia en Angrois. Europa Press | Fonte: Europa Press

Así o trasladou despois de transcender que o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, Andrés Lago Louro, deu por finalizada a investigación mantendo como únicos imputados ao maquinista, Francisco José Garzón, e ao director de Seguridade na Circulación de Adif cando entrou en funcionamento a liña, Andrés Cortabitarte.

Nun auto emitido este luns, Lago Louro imputa ao maquinista e ao exdirector de Seguridade 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, e acorda a continuación das dilixencias previas polos trámites de procedemento abreviado.

Do mesmo xeito, determina o sobresemento provisional e arquivo da causa contra os outros cinco investigados: tres membros da consultora pública Ineco, o exdirector de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, e o xerente da área de seguridade na circulación do noroeste, Fernando Rebón.

Tras a emisión deste auto, as partes teñen agora un prazo de 10 días para recorrer o peche da instrución, así como para elaborar os seus escritos de acusación ou solicitar que se practiquen dilixencias complementarias. Tanto o avogado do maquinista como as vítimas do accidente avanzaron a súa intención de recorrer.

"O XUÍZ DECIDE QUEN SON IMPUTADOS"

Un día despois de darse a coñecer o auto, en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión cos reitores da Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo, Rueda remarcou que é "unha boa noticia" que se peche a instrución e poda empezar o xuizo.

A decisión sobre o peche --incidiu o vicepresidente-- corresponde ao xuíz, que é quen "decide os que son imputados". Rueda recalcou que a instrución foi "longa" e "requiriu o apoio da Xunta en medios durante todo este tempo".

A partir de aí, sinalou que o Goberno galego "pouco" máis "pode dicir". "As vítimas xa manifestaron a súa desconformidade e están aí os mecanismos xudiciais para actuar. Pouco podemos dicir, máis aló de que é unha boa noticia que por fin se peche a instrución, poida empezar o xuízo e se poidan determinar os responsables", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta