Temas: SINDICATO PARO

As forzas sindicais piden medidas á Xunta logo do cuarto mes de subida do paro

Os autónomos denuncian que Galicia está na cabeza de perdas de afiliados a este sector.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/12/2018 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Os sindicatos reclaman á Xunta que adopte medidas após a subida do paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) no mes de novembro, por cuarto mes consecutivo en Galicia. En senllos comunicados de prensa, CIG advirte de que o desemprego "se asenta en Galicia", UXT lamenta a "precariedade" e CC.OO. ve "inaceptable" non actuar ante esta situación. Así, a central nacionalista sinala que sobe o paro e "cae cinco veces máis a afiliación á Seguridade Social". Engade que "a metade das persoas con cobertura por desemprego malvive en Galicia co subsidio".

Gráfico de la evolución del paro en Galicia. EPDATA
Gráfico de la evolución del paro en Galicia. EPDATA

Pola súa banda, UXT subliña que administracións e interlocutores sociais teñen que, ao seu xuízo, "avanzar para frear a deterioración do mercado de traballo". CC.OO., mentres, cre "inaceptable" que o Goberno galego "non modifique os orzamentos nin actúe contra a precariedade e a rotación laboral".

"INCAPACIDADE"

O responsable de emprego da CIG, Fran Cartelle, denuncia "incapacidade" do Executivo do PSOE "para levar adiante iniciativas que terminen co lastre das reformas laborais". Para UXT, as cifras mostran que "a estacionalidade marca as estatísticas, debido a que finalizou a temporada vacacional e novembro aínda non enganchou cos contratos de nadal". A portavoz de emprego de CC.OO., Maica Bouza, entende que a comunidade galega segue "ancorada nun modelo produtivo que non deixa crear postos de traballo nin riqueza".

AUTÓNOMOS

A asociación ATA de autónomos de Galicia denuncia que a comunidade autónoma está "á cabeza" en perda de afiliacións neste réxime até o mes de novembro. No décimo primeiro mes do ano, Galicia perdeu 384 autónomos, de acordo cos seus datos, mentres no conxunto estatal este dato baixou en 4.474 persoas.

Por provincias, Lugo "lidera" a caída, con 96 autónomos menos (-0,3%); seguida da Coruña, onde baixou en 155 autónomos (-0,2%). En Pontevedra descenderon en 108 persoas (-0,2%) e en Ourense os cotizantes reducíronse en 25 (-0,1%). Mentres, por xénero, a baixada de autónomos correspondeuse con 275 homes (-0,2%) e 109 mulleres (-0,1%).

Temas: SINDICATO PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta