O Parlamento pide elaborar un plan plurianual de localización e exhumación de vítimas do franquismo

O PP critica os intentos de "instrumentalizar" a memoria histórica e o BNG acúsao de "desprezo ás vítimas". En Marea pide "unha investigación completa e xeral" sobre as fosas comúns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2018 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha proposición para reclamar á Xunta que elabore e aprobe, coa colaboración de entidades sociais, universidades e asociacións; un plan plurianual de investigación localización, exhumación e identificación das vítimas do franquismo soterradas en fosas comúns.

Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.

Segundo o texto aceptado por todos os grupos, a localización basearase na investigación por parte dun equipo multidisciplinar que teña en conta fontes orais, probas documentais e indicios existentes; mentres que a exhumación será realizada por equipos profesionais e con financiamento público, para a entrega dos restos ás familias.

O deputado nacionalista Luís Bará foi o encargado de defender a proposta que, ademais, reclamaba a creación dun banco de ADN dependente do Imelga con mostras procedentes dos enterramentos e de persoas que buscan aos seus familiares represaliados, a iniciación do plan de exhumación de fosas no ano 2019, con achegas económicas necesarias, e que se colabore con iniciativas nacionais ou doutras comunidades onde existan vítimas galegas. Os restantes puntos contaron co voto en contra o PP e, xa que logo, non foron aprobados.

Bará, durante a súa intervención, dixo ante o pleno do Parlamento que esta é "unha oportunidade" para "cambiar o rumbo" das políticas populares, co obxectivo de "desmarcarse da ditadura e poñer un cordón sanitario ante os partidos e ideoloxías que fan apoloxía do fascismo".

Neste sentido, cualificou de "insuficiente" a actual Lei de Memoria Histórica e, tras incidir en que os nacionalistas piden unha lei propia galega, lamentou o "larguísimo memorial de agravios contra as vítimas e as súas familias", unha situación --a española-- que supón unha "auténtica anomalía histórica", cando, tras máis de 40 anos desde o fin da ditadura, "aínda pervive o pacto de silencio e a amnesia".*

Cando se fala de memoria histórica, dixo Bará, fálase "de dereitos fundamentais" dos cidadáns, tanto de "reparación" dos seus familiares como para que "non volva repetirse". "A memoria debe servir para fortalecer a sociedade e para ter unha democracia aínda máis plena", dixo.

Tomando como referencia os proxectos levados a cabo durante o Goberno bipartito da Xunta --como o Nomes e Voces--, Bará asegurou que todas as medidas neste sentido quedaron "aniquiladas" coa chegada do PP á Xunta en 2009. Ademais dos avances a nivel nacional neste sentido, o deputado nacionalista sacou a colación o acordo aprobado polo Parlamento en outubro para consensuar e coordinar actuacións encamiñadas a localizar, exhumar e trasladar a un enterramento digno os restos das vítimas do franquismo.

INTENTO DE INSTRUMENTALIZAR

Durante o seu posicionamiento, o deputado do PP José Alberto Pazos defendeu o traballo da Xunta na materia e acusou aos grupos da oposición de intentar "desvirtuar" o labor da Administración galega "para convertela en instrumento da súa visión da memoria histórica" e empregala como "elemento de confrontación política".

Pazos Couñago criticou que se intente, no discurso do BNG, "deslexitimar a democracia" española e "profundar na política de confrontación". "Non imos permitir máis leccións de democracia nin máis leccións de vergoña", dixo o deputado, que apostou por reparar "a dor de todas as familias. De todas".

"Os que queiran traballar para pechar as feridas e non repetir os erros de pasado, que non nos busquen nos extremos, imos estar militando na concordia e na Constitución", engadiu José Alberto Pazos, que pechou a súa intervención cun 'Viva a Constitución'.

Fronte a esta argumentación, Luís Bará cualificou a actitude do PPdeG de "decepcionante". "Vostedes non militan na concordia, militan no desprezo ás vítimas", resolveu. Con todo, finalmente o Partido Popular apoiou o primeiro dos puntos da iniciativa, que foi aprobado por unanimidad.

EN MAREA PIDE UN PLAN MÁIS AMBICIOSO

Pola súa banda, o Grupo de En Marea enmendou a proposta --enmendas que foron rexeitadas-- coa intención de facela máis profunda, reclamando "unha investigación completa e xeral" sobre as fosas comúns e a presenza de áreas institucionais e de xustiza no proceso de exhumación, que debe estar "enmarcado nun plan moito máis amplo".

Tras apostar por unha lei galega de memoria histórica --que tamén apoia o BNG--, a deputada Ángeles Cuña reclamou un "plan xeral de reparación" que, ademais da lei propia, inclúa cuestións como a "elaboración dun mapa completo de fosas", con "documentación accesibles á cidadanía". Así mesmo, aposta por crear un centro documental de memoria histórica de Galicia e unha comisión non permanente que "atenda as peticións das vítimas" e escoite as opinións de expertos.

Pola súa banda, a deputada socialista Concepción Burgo destacou este como "un dos aspectos máis sensibles e máis urxentes en torno á memoria histórica". "As familias dos represaliados teñen dereito a localizar aos seus asasinados. É unha aspiración xusta, ética, e é unha responsabilidade das administracións dar resposta a estas peticións", resolveu.

Na súa intervención, Burgo recordou que en máis do 80 por cento dos concellos galegos "houbo paseados" e apuntou a particularidade deste tipo de enterramentos na Comunidade, onde non hai "grandes fosas", si non enterramentos máis diseminados.

Para concluír, e tras recordar que España "é o segundo país do mundo con máis desaparecidos logo de Camboya", Concepción Burgo reivindicou o labor do Goberno de Pedro Sánchez, que "está levando como bandeira a memoria histórica e a defensa de todas as vítimas da represión franquista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 AMNESIA COLECTIVA

Si eu tiña un familiar un tio bisabo foi liquidado por ser comunista (en realidade era de ugt)... pero o pior non foi iso, tiña o arame de atalo nas mans ata o oso... foi a miña aboa a identificar o seu tio e recoller o cadáver, na tapia do cimiterio de san francisco, pero o pior non foi iso a familia quedou na indixencia ea muller os fillos e pillaron a tuberculosis e desapareceron todos, exterminados ... asi deixaron o exterminio o franco estivo fusilando incluso gañada a guerra civil e que cifras... 200 o día, soamente cesaron os fusilamentos cando as potencias nazis-fascistas comenzaron a perder a guerra e co desembarco dos norteamericanos en marrocos e alxeria... NUNCA HOUBO NINGUN INTERESE POR CLAREXAR AS COUSAS, XA NON DIGO PEDIR RESPONSABILIDADES, ESTA CLARO QUE DESPOIS DE TANTO TEMPO NON VAS A ATOPAR A NINGUEN!!!-