O comité de Alcoa Coruña: "O Goberno non está a presionar a empresa como debe"

Os traballadores piden ao Executivo central que "pase á acción" logo de ratificar a empresa a súa decisión de manter o expediente de regulación de emprego extintivo para esta planta e a de Avilés.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/12/2018 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, instou ao Goberno a "pasar á acción" ao ratificar a empresa a súa decisión de manter o expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo para esta planta e a de Avilés (Asturias).

Manifestación de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA
Manifestación de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Após a reunión celebrada este martes en Madrid despois da constitución da mesa negociadora, Corbacho dixo que o encontro estivo "dentro do esperado" coa empresa reiterando a súa decisión de aplicar o ERE extintivo, aínda que disposta a ampliar até o 15 de xaneiro as negociacións se fose necesario.

Fronte a iso, segundo explicou o presidente do comité de empresa da Coruña, os representantes sindicais defenderon que o proceso é "nulo" e que, en todo caso, debería haber unha negociación para cada fábrica. Tamén pediron "negociar sen presión", en alusión ás datas para que conclúan as negociacións.

"Para que a mesa estatal —integrada polo Goberno, os concellos da Coruña e Avilés e as comunidades autónomas de Asturias e Galicia— busque alternativas dun comprador", engadiu.

POSTURA DO GOBERNO

Ante a postura da empresa, Corbacho asegurou que só hai dúas formas de parar o ERE extintivo: "Ou que a empresa o retire ou que o Goberno interveña". "Que tome cartas no asunto, porque non está a presionar a empresa como debe", lamentou sobre o posicionamento do Executivo central.

"Non ten desculpas", expuxo tamén o presidente do comité de empresa da Coruña en alusión ás declaracións institucionais aprobadas en defensa do mantemento do emprego tanto en Galicia como en Asturias e no Congreso e o Senado. Mentres, confirmou que convocarán un novo calendario de mobilizacións, aínda por concretar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta