Detidos tres veciños de Mondariz por 13 roubos en vivendas na provincia de Pontevedra

Son dous homes e unha muller, presuntos autores de roubos cometidos en varios municipios.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/12/2018 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a tres veciños de Mondariz (Pontevedra), dous homes e unha muller, como presuntos autores de máis dunha ducia de roubos cometidos en vivendas de varios municipios da provincia.

Tres detidos por roubos  na provincia de Pontevedra. GUARDIA CIVIL
Tres detidos por roubos na provincia de Pontevedra. GUARDIA CIVIL | Fonte: Europa Press

Segundo informou o Instituto Armado, as detencións leváronse a cabo en operacións despregadas por efectivos da Compañía de Pontevedra e do Posto Principal de Ponteareas, após identificar aos supostos autores dos roubos que se cometeron na provincia desde principios de ano.

As pescudas centráronse en tres mozos que xa foran detidos en maio, ao seren sorprendidos roubando no interior dunha vivenda de Ponte Caldelas. No marco da investigación, os axentes acharon unha pegada dixital da muller noutro dos cinco roubos que se estaban investigando nos municipios de Ponte Caldelas e A Lama.

Así, concluíuse que esta moza, a súa parella sentimental e outro home, participaron en 13 roubos en vivendas: cinco en Ponteareas, dous en Mondariz un nas Neves, na Lama, dous en Ponte Caldelas e un furto en Covelo (onde subtraeron un reloxo de ouro que venderon nun local de compravenda de obxectos usados por 1.500 euros).

Os investigadores comprobaron que, ademais da proximidade xeográfica dos municipios afectados polos roubos, había unha gran similitude no 'modus operandi': os ladróns usaban métodos moi parecidos para acceder aos inmobles, e seleccionaban aqueles que estaban baleiros por seren segundas vivendas ou vivendas de uso vacacional.

A Garda Civil puido recuperar unha importante cantidade dos efectos subtraídos en varios locais de compravenda, así como no rexistro do domicilio da parella arrestada. Ademais, a estes dous detidos, atribúeselles tamén un suposto delito contra a seguridade viaria por conducir sen carné.

As dilixencias instruídas e os detidos foron postos a disposición do xulgado de instrución de Ponteareas, que decretou o ingreso en prisión dos tres investigados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta