Cultura non se pecha a estudar propostas de novas rutas do Camiño, pero avisa: "Deben ter base histórica"

O conselleiro Román Rodríguez responde a proposta dos alcaldes que promoven unha nova ruta do Camiño por Muros-Noia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2018 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, respondeu este venres á proposta dos alcaldes que promoven unha nova ruta do Camiño por Muros-Noia, e declarou que "todas as propostas son benvidas" pero que "hai que estudalas de acordo coa base histórica e cultural, porque o Xacobeo non é un capricho".

Peregrinos no Camiño de Santiago. XUNTA - Archivo
Peregrinos no Camiño de Santiago. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

Rodríguez puxo especial énfase na necesidade de que as propostas "teñan base histórica e cultural" para respectar "a autenticidade histórica" do Camiño.

No entanto, destacou o "carácter simbólico moi importante" da proposta porque significa que "toda Galicia quere implicarse no gran proxecto colectivo" do Xacobeo 2021.

Preguntado pola preparación do Xacobeo 2021, o titular de Cultura asegurou que están "a traballar a moi bo ritmo". "Pensamos en que sexa un proxecto integral de toda Galicia, non dun goberno ou dunha administración. Queremos que toda Galicia se implique. Se nos vai ben irános ben a todos", insistiu.

Román Rodríguez detallou que o 2019 é o ano da Vía da Prata, e que o seu departamento traballa para acondicionar e mellorar a ruta, cun investimento de tres millóns de euros.

CHAMA Á PARTICIPACIÓN DE TODOS

O conselleiro fixo un chamamento á participación de "todos os axentes" para "ofrecer ao mundo o mellor de Galicia". "Ten que ser un proxecto de todos, participativo, para mellorar todo o bo que xa ten Galicia", remarcou.

Ademais, aínda que volveu dicir que o obxectivo é que "o 2021 sexa un ano excepcional", expresou a preocupación da Xunta "polo día despois". "Temos que organizar un gran Xacobeo, pero no 2022 Galicia ten que seguir a bo ritmo, dando un salto cualitativo e cuantitativo", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Courelois

Base histórica? Como a do "camiño de inverno", por exemplo?? XD