As contradicións e os desafíos do téxtil, o sector que une a Galicia e Portugal

As empresas galegas e lusas destacan as sinerxias e complementariedade que existen nas dúas bandas da fronteira e apostan por aumentar a cooperación, mesmo, coa contratación de inmigrantes. Os sindicatos alertan da precarización do traballo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/01/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O téxtil é un dos poucos sectores que conseguiu xerar sinerxias entre Galicia e Portugal e crear un clúster do sector da moda que é recoñecido a nivel mundial. Con todo, as responsabilidades son moi diferentes e a especialización, tamén. Os galegos teñen as marcas e os portugueses a man de obra. A patronal do sector está convencida de que segue habendo moito negocio e os sindicatos cren que é a costa da precarización.

Un 34% das exportacións portuguesas do sector téxtil foron a España no 2017, principalmente, a Galicia. Portugal é o primeiro provedor de importantes marcas, como Zara ou Bershka, pertencentes ambas as ao grupo Inditex. Un grupo que tamén decidiu fabricar en Marrocos buscando lugares onde a man de obra é máis competitiva que en Galicia.

Precisamente esta é unha das vantaxes coas que contan as grandes marcas de roupa de Galicia para poder vender a prezos asequibles. Algo que confirma o propio sector. “Penso que para Portugal, Galicia tamén foi unha vantaxe e complementámonos. Levamos moitos anos camiñando en paralelo e cada un especializándose no que pode facer mellor”, asegura  Alberto Rocha, secretario xeral de Cointega, a Confederación de Industrias téxtiles de Galicia, nunha recente entrevista para Euronews.

Tenda de téxtil
Tenda de téxtil | Fonte: remitida

ESPECIALIZACIÓN

Por iso, considera que esta relación vai a ir en aumento. “En Portugal, moitas empresas, que xa alcanzaron un determinado nivel e como o están facendo moi ben, están a desenvolver actividades que son as dos seus clientes en Galicia, co cal vai ser un incentivo tamén para todos. E atoparémonos posiblemente cunha nova realidade á volta de poucos anos”, engade Rocha.

Nas últimas décadas, Galicia apostou por impulsar marcas comerciais pequenas pero cun modelo de negocio de alto valor. Enfocouse máis no deseño e na mercadotecnia; en vender o producto. Portugal, pola contra, centrouse máis en facer ese produto e mesmo investiu moito en investigación e innovación tecnolóxica. “E isto é bo para os dous países porque hai complementariedade”, suliña Paulo Vaz, director xeral de Associação Têxtil e Vestuário de Portugal (ATP).

DESIGUALDADES

Con todo, esta perspectiva de negocio non é compartida por sindicatos dun e do outro lado do Miño.  Nos dous países se queixan das condicións laborais dos traballadores, especialmente, en Portugal, onde o salario é moi inferior ao de Galicia. “Por iso as grandes marcas galegas van alí, para aproveitarse dun marco salarial e laboral moito máis precario que o galego”, apuntan desde a CIG.

E, a pesar disto, tanto as empresas galegas como as portuguesas queixanse de que faltan traballadores. A patronal do sector apunta que fan falla uns 6.000 traballadores na industria téxtil para poder seguir crecendo e apostan abertamente por inmigrantes, antes que levar a producción a terceiros países.

Zara, Inditex, roupa, moda, escaparate, tenda
Zara, Inditex, roupa, moda, escaparate, tenda
Tenda da marca téxtil Pili Carrera
Tenda da marca téxtil Pili Carrera | Fonte: Ediciones Sibila
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta