Temas: FESTIVAL CINEMA

O FIC demostrou que Verín "é unha vila chea de vida e ama as artes”

O Festival Internacional de Curtas pechou a edición deste ano cunha gala no Auditorio da vila e a participación no festival e nas actividades paralelas estímase que chegou ás 3.000 persoas.

Por X.M. Fernández | Verín | 10/12/2018 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Unha gala de clausura puxo o broche de ouro a 9 días de cinema e actividades programadas na III edición do FIC Vía XIV, un certame que está collendo músculo e que empeza a chamar a atención do sector audiovisual e do público en xeral.

Auditorio Municipal de Verín
Auditorio Municipal de Verín | Fonte: Gala de clausura do FIC. Fonte: ConC

As condutoras do acto foron a presentadora da Televisión de Galicia e actriz, Nieves Rodríguez, e a actriz Ledicia Sola. Entre as dúas dinamizaron unha gala chea de emotividade, música e sorpresas ademais de dar a coñecer os nomes das obras gañadoras.

O director do certame, Carlos Montero amosou a súa satisfacción polo éxito acadado, afirmando que ao longo da semana a participación no festival e nas actividades paralelas alcanzou as 3.000 persoas. Así mesmo declarou que dende a organización fíxose o esforzo de “involucrar aos principais axentes socioeconómicos da comarca na engranaxe so festival” e agradeceu o traballo e implicación do seu equipo para o bo funcionamento do festival.

En representación do concello de Verín estivo Diego Lourenzo, tenente alcalde, que fixo mención especial aos veciños/as afirmando que “somos un pobo que non só ama as artes, senón que fai destas un dos seus principais alimentos para seguirmos camiñando e construíndo”.  Engadindo tamén, como mostra de satisfacción, que “o FIC sitúa a Verín como un epicentro de cine e cultura e demostra que somos unha vila chea de vida”.

Na gala de clausura participou o actor Antonio Durán “Morris”, ao que a organización rendeu homenaxe coa proxección de varias obras nas que ten participado como a curta Unary, filme que abriu o FIC, ou as longametraxes Dhogs e A estación violenta.

Ledicia Sola e Nieves Rodríguez na gala de clausura do FIC. Foto: ConC de Comunicación
Ledicia Sola e Nieves Rodríguez na gala de clausura do FIC. Foto: ConC de Comunicación

As curtas premiadas, dentro das catro son as categorías nas que se clasifican as curtas premiadas: Nova, Outra Mirada, Horizontes e A Raia, foron:

-La poesía solo muere cuando termina, dirixida pola verinesa Adelaida Lamas, gaña o Premio Especial do Público.

-Judgment, de Filipinas, dirixida por Raymund Ribay, Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Nova.

-Our Song to War, coprodución de Bélxica e Colombia dirixida por Juanita Onzaga, Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Outra Mirada.

-Bacha Posh, cinta alemá dirixida por Yalda Afsaf e Ginan Seidl, Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Horizontes.

-Pele de Luz, curta portuguesa do autor André Guimar, Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial A Raia.

-Fauve, curta de Canadá dirixida por Jeremi Conde, gaña o Premio Camira da Crítica.

Temas: FESTIVAL CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta