Deteñen por violencia de xénero a un vigués tras descubrir feridas na súa parella

A persoa que alertou á Policía do suceso asegurou que o home empuxara e tirara á muller ao chan. A vítima xa presentara dúas denuncias anteriormente, aínda que rematara por retiralas. Nesta ocasión declinou interpoñer outra denuncia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/12/2018 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A Policía Local de Vigo detivo esta fin de semana a un home por un suposto delito de violencia de xénero tras comprobar as lesións que presentaba a súa parella, que declinou recibir asistencia médica e non presentou denuncia contra o detido.

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.

Unha chamada o pasado sábado, ás 8.50 horas, alertou á Policía Local para que acudise ás proximidades da rúa Ramón Neto, onde se escoitaban fortes berros e, supostamente, un home agredía a unha muller. Os axentes localizaron ao agora detido, D.V.O., un home de 36 anos de idade, natural e veciño de Vigo, no portal do seu domicilio, que comparte coa suposta vítima. Este trasladoulles que discutira cunha amiga e que ela marchara traballar.

Unha patrulla presentouse entón no hotel no que traballa a muller, de 32 anos de idade, natural e veciña de Vigo, e comprobou que presentaba erosións nas mans e na fronte. As feridas correspondíanse co relato de quen alertou á Policía, que asegurou ver como el a empurraba e a tiraba ao chan en dúas ocasións, ata que ela abandonou o lugar.

Segundo informou a Policía Local, as discusións da parella lévanse repetindo desde hai tempo e, de feito, a muller chegou a denunciar ao home en dúas ocasións, aínda que retirou a denuncia. Nesta ocasión, a vítima non quixo presentar denuncia nin ser examinada polos médicos. Aínda así, os axentes detiveron a D.V.O. no seu domicilio polos indicios solicitados.

ORDE DE AFASTAMENTO

Por outra banda, a Policía Local de Vigo detivo a  PA.C.LL., outro vigués de 30 anos de idade, por un quebrantamento de condena referente á orde de afastamento da súa exparella.

Os axentes tiveron coñecemento ás 23.25 horas do pasado domingo de que este suxeito circulaba polo centro da cidade nun vehículo, feito co que incumpría esta orde, así que procederon á súa detención na rúa Falperra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta