Losada cre que o estatuto de electrointensivos favorecerá a "tranquilidade" de empresas como Alcoa

O delegado do Goberno en Galicia mostrouse positivo ante esta decisión do Executivo Central, que lle dá aos traballadores "capacidade de saber que as empresas van ter un marco de estabilidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2018 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou este luns que o estatuto de consumidores electrointensivos aprobado o venres polo Executivo central "vai favorecer a tranquilidade" de empresas como Alcoa.

Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia
Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia | Fonte: Delegación do Goberno

Así o dixo en declaracións aos medios tras ser preguntado pola situación actual de Alcoa e polo decreto-lei de medidas urxentes para o impulso da competitividade económica no sector da industria e do comercio. Este proxecto foi aprobado este venres polo Consello de Ministros e inclúe, entre outras medidas, este estatuto.

Ante o inicio da poxa de interrumpibilidade, Losada detallou aos medios que "o máis importante" é esta medida tomada polo Executivo de Pedro Sánchez. "Por primeira vez, un Goberno toma unha decisión que, a medio e longo prazo, vai dar capacidade de programación dos investimentos ás empresas e seguridade no emprego", dixo o delegado, quen engadiu que isto "é o que fai un Goberno comprometido cos traballadores e coas empresas".

Neste sentido, Javier Losada explicou que o estatuto supón "un paso moi importante" e "vai favorecer a tranquilidade" de empresas grandes consumidoras de electricidade, que "poderán manter a competitividade".

A creación e regulación desta figura permitirá proporcionar a estes consumidores escenarios "predicibles" para os seus custos enerxéticos. Losada explicou que isto posibilitará que se reduza a "volatilidade" dos mercados enerxéticos globais e que dotará de "seguridade" aos investimentos industriais, como relata o acordo do Consello de Ministros.

"Dá aos traballadores a capacidade de saber que as empresas van ter un marco de estabilidade a medio e longo prazo para desenvolver os investimentos e, como consecuencia, o traballo. Iso é bo para Alcoa, como tamén o é para o resto de empresas que desenvolven esa actividade enerxética electrointensiva en Galicia", finalizou Losada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta