O BNG pide ao Congreso "celeridade" para tramitar a transferencia da AP-9 e que se respecte o texto orixinal

Ana Pontón remarcou que "esta proposición non estaría hoxe aquí sen o traballo do BNG" e expresou a súa confianza en que saia adiante "co maior apoio posible".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 11/12/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este martes ao Congreso que, de seguir adiante a consideración da proposta de lei para o traspaso da AP-9 a Galicia,  se tramite con "celeridade" e que se "respecte a literalidade" do texto orixinal aprobado polo Parlamento galego en 2016.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

Antes de que se debata e se vote en Madrid a toma en consideración desta proposición de lei, algo ao que xa expresaron o seu apoio os grupos maioritarios na Cámara, Ana Pontón confiou que salga aceptada "co maior apoio posible", dada a "importancia" que ten para Galicia.

"Vistas cales son as posicións de voto que se teñen expresado ao longo destes días, sería unha gran sorpresa que a proposición non saíse adiante", dixo Pontón, quen, tras "valorar moi positivamente" este apoio, reivindicou o traballo que a proposición de lei "ten detrás". En concreto, a portavoz nacionalista dixo que "esta proposición non estaría hoxe aquí sen o traballo do BNG", que foi "quen impulsou a lei", quen "escribiu desde a primeira á última liña" e quen "a defendeu ante o Constitucional cando se impuxo un veto do PP" ao seu debate no Congreso.

Para Pontón, este é "un gran día para Galicia", xa que "se dá un primeiro paso" para lograr "unha AP-9 xestionada" desde a Comunidade e para que existan "os instrumentos para pór fin a ese abuso constante das peaxes e dos malos tratos ao que Audasa somete a todas as persoas" que viaxan por esta vía, ao non ter outra alternativa.

CELERIDADE

No entanto, Pontón lembrou que se trata unicamente dun "primeiro paso", polo que, a continuación, reclamou que "durante a tramitación desta lei haxa celeridade", sobre todo tendo en conta que non está "moi claro cando vai esgotarse a lexislatura". Neste sentido, a portavoz nacional do BNG lembrou que existen "fórmulas" para que se poida aprobar definitivamente "nuns meses".

Do mesmo xeito, esixiu que "se respecte a vontade do Parlamento" galego e "a literalidade" desta lei, que "non só prevé a transferencia" da AP-9, "se non a posibilidade do seu rescate". "Esperamos que ningún grupo altere o que foi un acordo unánime do Parlamento do ano 2016, que se tramitou sen ningún tipo de emenda. Esperamos que non se utilicen prácticas como ampliacións de prazos de emendas que acaban deixando sen contido a lei", indicou Ana Pontón, para quen esta norma está "en tempo de desconto" despois do "atraso" que supuxo o veto ao seu debate no Congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta