Temas: FRASEOLOXíA

“¿Dis ti?”, “¿Paréceche (a ti)?” e algunha outra expresión equivalente a “¿Ti cres?”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 16/12/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para confirmarmos (practicamente sempre de xeito retórico, na medida en que damos por suposto que a resposta é, ou vai ser, efectivamente afirmativa) se aquilo que o noso interlocutor acaba de dicir é de certo o que pensa, resulta moi habitual que empreguemos cada vez máis –ou que escoitemos empregar cada vez máis– a secuencia “¿ti cres?”. Non obstante, en galego temos tamén outros xeitos de expresar esa mesma información, como a seguir imos ver:

A viñeta de López - Preguntas subvencionadas
A viñeta de López - Preguntas subvencionadas

¿Tú crees?

{= ¿Iso que acabas de dicir ou comentar é de certo o que pensas? ¿Esa é a túa opinión?}

¿Dis ti?

¿Ti pensas?

¿Paréceche (a ti)? && ¿Parécecho (a ti)?

¿Ti cres?

[E mesmo tamén]:

¿Ti dis?

¿Pensas ti?

Ex.: —Tú no te fíes, que estos van mucho de “progres” pero al final son como el resto. —¿Tú crees?

—Ti non te fíes, que estes vanche moito de “progres” pero ó cabo véñenche a ser coma o resto. —¿Dis ti? ¿Ti pensas? ¿Paréceche ( a ti)? ¿Parécecho (a ti)? ¿Ti cres? ¿Ti dis? ¿Pensas ti?

Ex.: —Hazle caso a tu profesora, que te ha dado un muy buen consejo. —¿Tú crees?

—Faille caso á túa profesora, que che deu un moi bo consello. —¿Dis ti? ¿Ti pensas? ¿Paréceche (a ti)? ¿Parécecho (a ti)? ¿Ti cres? ¿Ti dis? ¿Pensas ti?

Tamén, en moitos contextos:

¿(E +) Repetición do verbo ou locución verbal do enunciado anterior [acompañados, se é o caso, de complemento representado por pronome átono] + dis ti?

¿(E +) Repetición da parte fundamental do enunciado anterior + dis ti?

¿(E +) Repetición da parte final do enunciado anterior + dis ti?

[E mesmo]:

¿(E +) Repetición da parte fundamental do enunciado anterior co verbo en futuro [ou en condicional, no caso de que o verbo do enunciado anterior estea en tempo pasado] + dis ti?

¿(E +) Repetición da parte fundamental do enunciado anterior co verbo en futuro [ou en condicional, no caso de que o verbo do enunciado anterior estea en tempo pasado] + logo?

Ex.: —Ti non te fíes, que estes vanche moito de “progres” pero ó cabo véñenche a ser coma o resto. —¿Veñen a ser, dis ti? ¿Véñenche a ser, dis ti? ¿Véñenche a ser coma o resto, dis ti? ¿Coma o resto, dis ti? ¿E viranche a ser (coma o resto), dis ti? ¿E viranche a ser (coma o resto), logo? ¿E seranche (coma o resto), dis ti? ¿E seranche (coma o resto), logo?

Ex.: —Faille caso á túa profesora, que che deu un moi bo consello. —¿Deumo # Deume, dis ti? ¿Deume (un) moi bo consello, dis ti? ¿Moi bo consello, dis ti? ¿Daríamo # Daríame, dis ti? ¿Daríamo # Daríame, logo?

NOTAS:

1. Obviamente, a repetición do enunciado anterior ou da parte fundamental do enunciado anterior non ten por que ser unha repetición ó pé da letra, senón que pode requirir, en función de cada caso, da correspondente adaptación por parte de quen emite a expresión, como se pode comprobar no segundo dos exemplos que puxemos (así, o “que che deu un moi bo consello” pasa neste segundo exemplo a “deume un moi bo consello”. Daquela, se se quere, máis ca dunha “repetición” trataríase dunha “recolleita” da parte fundamental do enunciado que se acaba de emitir.

2. Cando a secuencia “¿Tú crees...?” castelá vai seguida por unha oración completiva e non presenta sentido anafórico (isto é, non recolle un contido anterior da conversa ou contexto en que se insire), de tal maneira que se usa para pedir unha opinión en relación con algo que se manifesta xusto a seguir dela, as formas galegas probablemente máis utilizadas son, entre outras varias susceptibles de seren tamén empregadas, “¿(A ti) Paréceche...?”, “¿Ti pensas...?” ou “¿Ti cres...?”, pero nestes casos non se utilizarían, cando menos con ese mesmo sentido, nin “¿Dis ti...?” nin “¿Ti dis...?”, na medida en que estas dúas últimas son secuencias que levan implícito o referido contido anafórico. Ex.:

¿Tú crees que nos escribirá?

¿A ti paréceche que nos escribirá? ¿Ti pensas que nos escribirá? ¿Ti cres que nos escribirá?

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta