A Xunta recorda ao Concello de Vigo que ten "tres pisos baleiros" para ofrecer á familia que van desafiuzar

A concelleira de Servizos Sociais asegura que "se están dando todos os pasos".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/12/2018 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia confirmou que está a axudar a Aicha E.F., a muller vítima de violencia de xénero con tres fillos menores que será desafiuzada do piso no que reside na cidade olívica o próximo día 18, e sostivo que o Concello de Vigo é o que lle pode facilitar unha vivenda, pois lle consta que ten "tres pisos baleiros".

Aicha (1ªdcha.) con representantes da Favec e a oposición.
Aicha (1ªdcha.) con representantes da Favec e a oposición.

Segundo informou a Xunta, Aicha E.F. ten concedido o 'bono alugueiro', polo que recibe unha axuda para o aluguer —insufiente para sufragar o total do mesmo, segundo manifestou a propia afectada—, e está a ser "asistida" e "asesorada" polo 'programa reconduce' que depende do departamento de Política Social.

Por parte da Xunta apuntaron que, neste momento, non contan con ningunha vivenda dispoñible en Vigo nin nos concellos da área que si están adheridos ao 'programa de vivendas baleiras'. A última vivenda libre concedéuselle a Elisabeth, que tamén ía ser desafiuzada da súa casa en Vigo, con menores ao seu cargo.

Con todo, á Xunta cónstalle que o Concello de Vigo ten nestes momentos "tres pisos baleiros" que "debería" pór a disposición de colectivos con necesidades, como sería o caso desta familia que vai ser desafiuzada de forma inminente.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) "cedeu" en 2012 "tres vivendas", na zona de Coruxo, ao Concello de Vigo en base a un acordo que condicionaba que se destinasen a "colectivos de especial vulnerabilidade", segundo lembraron fontes do Goberno galego.

Para a Xunta, que estas vivendas estean baleiras "desde 2012" é unha situación "irregular" polo que o IGVS solicitou por escrito información sobre estes pisos ao concello porque neste momento, segundo as investigacións dos técnicos desta entidade, o consistorio vigués estaría a vulnerar os termos do acordo de cesión.

"ABSOLUTAMENTE ATENDIDA"

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais de Vigo, Isaura Abelairas, manifestou este martes que Aicha E.F. está a ser "absolutamente" atendida polos servizos sociais municipais. "Estamos a ser escrupulosos na súa atención, na dela e na da súa familia, e ten o 'programa reconduce', que concede a Xunta cos informes que lle remite o Concello", apuntou.

Abelairas criticou o acto organizado pola Favec na mañá deste martes para denunciar a situación desta familia, no que participaron representantes de partidos da oposición, PP e Marea de Vigo, e do BNG.

"É dunha irresponsabilidade tan grande que non coñezan o funcionamento dos servizos sociais do Concello e que se atrevan a saír nunha rolda de prensa sen saber absolutamente nada do que está a pasar", sostivo.

TRÁMITES LEGAIS

A titular de Servizos Sociais de Vigo asegurou que "se están dando todos os pasos" para axudar a Aicha E.F. e que o consistorio segue "os trámites legais".

Neste sentido, Abelairas negou que os servizos sociais municipais se negasen a enviar un informe sobre a situación de Aicha ao xulgado. "Sempre é o xulgado o que pide os informes, a avogada sabe isto perfectamente porque llo comunicou a traballadora social. Que vaia ao xulgado e faga a solicitude", aseverou.

A concelleira negou tamén que o xulgado non reclame ese informe porque "son persoas que cumpren a lei" e resaltou que "non ten sentido" que desde os servizos sociais "se neguen" a facer un informe, pois os fan "cada día" e lévalles "tres minutos".

Ademais, Abelairas leu un texto que, segundo dixo, lle enviaron desde o 'programa reconduce' da Xunta á traballadora social de Vigo, que recolle que "o mellor sería que o propio xulgado fose o que requirise a servizos sociais e á Consellería de Política Social para que informase da situación" de Aicha E.F.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta